O informe da Xunta conclúe que o novo esquema de licitacións de fomento implica que Galicia non terá AVE ata o 2018

O estudo parte das datas de licitación das obras tendo en conta as novas previsións anunciadas polo Goberno central en abril, así como dunha serie de supostos favorables e óptimos para a execución das actuacións

Hernández afirmou que o 2010 “foi un ano perdido para o AVE galego, como o foron o 2005, o 2006, o 2007 e o 2008”, xa que apenas se chegaron a licitar 300 millóns de euros dos máis de 3.300 que o pacto contemplaba para ese ano

A pesares diso a Xunta deulle unha nova marxe de confianza ao ministerio tras o anuncio de que en marzo habería unha única macrolicitación, pero Fomento mudou novamente de esquema en abril, periodificando as licitacións entre o 2011, 2012 e 2014

Instou ao ministerio a non confundir lealdade con dicir a todo que si, e manifestou que “a Xunta non vai ser cómplice dunha grande ficción respecto aos prazos do AVE”
 

Santiago, 3 de maio de 2011
Compartir
  • whatsapp

Galicia non terá AVE, no mellor dos casos e sempre que non se produzan incidencias, ata comezos do ano 2018, atendendo á reprogramación das obras anunciada polo Ministerio de Fomento o pasado mes de abril. Así o pon de manifesto o informe que elaborou a Xunta de Galicia baseándose no esquema de licitación exposto polo secretario de Estado de Infraestruturas na reunión que mantivo co conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, o pasado 12 de abril en Madrid.

Hernández manifestou naquela ocasión que o Goberno galego analizaría con prudencia e rigor se o novo escenario do AVE permitiría cumprir os compromisos do Pacto do Obradoiro. Dúas semanas despois desa reunión, o propio conselleiro, acompañado polo director xeral de Mobilidade, Miguel Rodríguez Bugarín, presentou o resultado da análise deste novo esquema que, segundo volveu a lembrar o conselleiro, “plantexa para o 2011, 2012 e incluso o 2014 licitacións que o Pacto do Obradoiro contemplaba levar a cabo en 2010”.

O informe parte dunhas datas de licitación das obras compatibles coas novas previsións anunciadas polo Goberno central en abril, así como dunha serie de supostos favorables e óptimos para a execución das actuacións:

Reducindo ao mínimo os prazos de traballos pendentes (estudo hidroxeolóxico, proxectos construtivos, etc).
Sendo áxiles nos procedementos administrativos de licitación e adxudicación.
Considerando uns rendementos estándar no avance das obras.
Empregando 7 máquinas tuneladoras simultaneamente.
Non considerando ningún tipo de incidencias que atrasen a execución dos traballos

Aínda así, o cronograma do estudo marca unha demora mínima de tres anos con respecto a finais de 2015, que é o prazo comprometido no Pacto do Obradoiro.

Agustín Hernández sinalou que se trata de prazos posibilistas, pragmáticos e mesmo optimistas nalgúns casos, e destacou que existen moitas incertidumes técnicas que impiden con total seguridade dicir que o AVE a Galicia vai a estar a finais de 2015”. Sinalou que “trasladarémoslle a Fomento a nosa avaliación e gustaríame que o ministerio fora quen de convencerme de que esta programación non se axusta á realidade porque significaría que contaríamos co AVE nas datas comprometidas, pero teño a certeza de que o estudo se fixo con absoluta obxectividade e profesionalidade”.

Ante o empeño do Ministerio en falar do 2015 engadiu que “todo apunta a que asistimos por desgraza a unha repetición da famosa data do 2012 que repetiron hasta a saciedade, cando eles mesmos sabían que esa data era incumprible”. Instou ao ministerio a non confundir lealdade con dicir a todo que si, e manifestou que “a Xunta non vai ser cómplice dunha grande ficción respecto aos prazos do AVE”.

Insistiu en que o 2010 “foi un ano perdido para o AVE galego, como o foron o 2005, o 2006, o 2007 e o 2008”, xa que apenas se chegaron a licitar 300 millóns de euros dos máis de 3.300 que o pacto contemplaba para ese ano”. A pesares diso a Xunta deulle unha nova marxe de confianza ao ministerio tras o anuncio de que en marzo habería unha única macrolicitación que englobaría toda a construción e o mantemento da vía. Pero Fomento mudou novamente de esquema en abril, periodificando as licitacións entre o 2011, 2012 e 2014.

Hernández tamén chamou a atención sobre o feito de que o único avance realizado ata este momento é a autorización para iniciar a licitación, polo sistema concesional, da montaxe, explotación e conservación duns tramos cuxas obras aínda non están licitadas “nin sabemos cómo se van facer nin cándo se van rematar.

Hipóteses e cronograma das obras
O informe parte da propia documentación difundida polo Ministerio de Fomento, que explicou que licitaría por vía orzamentaria un montante de 3.046 millóns de euros repartidos en 27 contratos entre os anos 2011 e 2014.

O cronograma da consellería de Medio Ambiente, no que se reflicten todas as fases na evolución dunha obra (proxectos no caso dos tramos que aínda non os teñen redactados, licitación e fases da execución propiamente dita), determina que o AVE a Galicia non estará operativo ata comezos de 2018.

 

Imaxes relacionadas