‘Camiños dos sabores de Galicia’ ensina técnicas de relacións públicas ás máis de 70 entidades adheridas en diversos obradoiros

Este produto turístico está enmarcado no proxecto Cantata 2, que desenvolve a Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

“Camiños dos sabores de Galicia” configúrase en torno aos queixos galegos, castaña e mel de Galicia e as aves de curral criadas tradicionalmente

Santiago, 27 de xuño de 2011.- O produto turístico “Camiños dos sabores de Galicia”, enmarcado no proxecto Cantata 2, que desenvolve a Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, ofrece estas últimas semanas de xuño unha serie de obradoiros relacionados con técnicas de relacións públicas nas visitas turísticas a explotacións e industrias agroalimentarias.

Máis de 70 entidades adheridos a este produto turístico, financiado con apoio dos fondos FEDER, asisten aos obradoiros que se están ofrecendo estes días nos municipios de Riós (Ourense), Folgoso do Caurel e Vilalba (Lugo) e Lalín (Pontevedra).

O produto turístico “Camiños dos sabores de Galicia” configurase en torno a catro produtos agroalimentarios, como son os queixos galegos, castaña e mel de Galicia e as aves de curral criadas tradicionalmente.

A finalidade principal é o conseguir un achegamento dos visitantes ao medio rural, aos procesos produtivos e á gastronomía, gozando da paisaxe e cultura da nosa comunidade.

Adaptación
Os obradoiros, impartidos por unha empresa especializada en turismo agroalimentario, perseguen difundir como se organizan e xestionan -dende o punto de vista turístico- as visitas a pequenas explotacións agroalimentarias, e contribuír a que estas empresas se adapten a recibir visitantes, asentando criterios de calidade no produto turístico.

Con estas xornadas tamén se pretende conseguir o fomento das ideas e da colaboración entre os participantes para lograr un aproveitamento dos recursos de cada zona.