Xunta de Galicia

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a declaración de impacto ambiental do Parque Arqueolóxico do Megalitismo da Costa da Morte

A DIA, formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, considera que o proxecto sectorial é ambientalmente viable coas condicións que se establecen na declaración de impacto ambiental e as contempladas no propio proxecto sectorial

A través da declaración cúmprese cun novo requerimento para a aprobación do proxecto sectorial do Parque Arqueolóxico do Megalitismo, un dos catro grandes centros da Rede Galega do Patrimonio Arqueolóxico. A Consellería de Cultura e Turismo prevé elevar o proxecto sectorial ao Consello da Xunta de Galicia antes de que remate o presente ano 2011

Santiago, 12 de xullo de 2011.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental (DIA), formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental relativa ao proxecto sectorial do Parque Arqueolóxico do Megalitismo da Costa da Morte na provincia da Coruña. Deste xeito e examinada a documentación do expediente, considérase que o proxecto é ambientalmente viable coas condicións que se establecen na declaración de impacto ambiental e as contempladas no propio proxecto sectorial.

O proxecto sectorial determinará a organización territorial e as actuacións necesarias para a creación do Parque Sectorial do Megalitismo, definindo propostas arqueolóxicas e arquitectónicas de actuacións determinadas, no ámbito de cada xacemento que conformará o Parque. Estas actuacións que se proxectarán en cada xacemento enuméranse no acondicionamento da contorna, a construción de aparcadoiros, sinalización, dotación de mobiliario e apertura de sendeiros, así como actuacións arqueolóxicas de cara a facilitar a súa visita e proceder á súa restauración. A realización de todas estas actuacións, deberá ser respectuosa, segundo a DIA con diversos puntos da declaración, co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio.

A publicación da DIA supón un paso máis cara a aprobación final do proxecto sectorial do Parque Arqueolóxico do Megalitismo da Costa da Morte. Esta declaración resulta obrigatoria dado o carácter de supramunicipalidade do proxecto, declarado deste xeito polo Consello da Xunta o pasado 11 de febreiro de 2010. Segundo a posterior resolución do 26 de marzo de 2010 a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural someteu o proxecto á exposición pública e á presentación de alegacións. Unha vez finalizado o prazo, o proxecto sectorial foi enviado á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental para a redacción da declaración de impacto ambiental, publicada hoxe.

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural traballa coa previsión de que o proxecto sectorial sexa elevado ao Consello da Xunta de Galicia antes de que remate o presente ano 2011 e unha vez acade o informe preceptivo da Dirección Xeral de Sostibilidade Desenvolvemento Sostible, como paso último antes da súa aprobación final.

15 enclaves megalíticos en 8 concellos
O Parque Arqueolóxico do Megalítico da Costa da Morte engloba 15 enclaves megalíticos pertencentes a 8 concellos da Costa da Morte, identificados na actualidade entre os de maior monumentalidade desta área xeográfica. A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural actuará nun total de 14 destes enclaves megalíticos encadrados no proxecto sectorial, Pedra Moura de Aldemunde, no Concello de Carballo; A Fornella dos Mouros, no concello de Laxe; Pedra de Arca, no Concello de Malpica; Mina da Parxubeira, no Concello de Mazaricos; Pedra Moura de Monte Carnio, Pedra Cuberta, Casota de Berdoias, Arquiña de Vilaseco, Pedra da Lebre ou de Serramo, Mina de Recesindes, Rabós (mámoas), no Concello de Vimianzo; Casa dos Mouros ou Pedra da Arca, pertencente aos concellos de Dumbría e Vimianzo e a Pedra Vixía, Arca da Piosa, no Concello de Zas. Dentro do Parque Arqueolóxico inclúese asemade o Dolmen de Dombate, no concello de Cabana de Bergantiños, que conta co seu propio Plan Director e que xa está sendo executado pola Deputación Provincial da Coruña
O Parque será un dos catro grandes centros da Rede Galega de Patrimonio Arqueolóxico.

A Consellería de Cultura e Turismo promove a RGPA como actuación prioritaria da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural a través dun plan que engloba diversas accións que se están a levar a cabo no ámbito da difusión, conservación e investigación do patrimonio arqueolóxico da nosa comunidade autónoma. A Rede Galega de Patrimonio Arqueolóxico contará con catro Parques Arqueolóxicos e Centros de Interpretación desde o punto de vista histórico e territorial, que buscan o equilibrio entre o rural e o urbano. Xunto ao Parque Arqueolóxico do Megalitismo, destacan o da Arte Rupestre de Campo Lameiro (Pontevedra), recentemente aberto ao público, o da Cultura Castrexa de San Cibrao de Las en San Amaro/Punxín (Ourense) e o do Mundo Romano da cidade de Lugo.
 

  • whatsapp