Rogelio Martínez mantivo co alcalde de Sarreaus unha reunión de traballo para analizar os proxectos da Xunta no concello

O delegado territorial escoitou as demandas do alcalde Gumersindo Lamas, destacando os preto de 80 mil euros que recibiu este concello do Plan de Cooperación

O delegado territorial da Xunta en Ourense aproveitou o encontro institucional para ofrecerlle ao alcalde todo o apoio e colaboración do Goberno galego

Ourense, 11 de outubro de 2011
Compartir
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, mantivo un encontro de traballo co alcalde de Sarreaus, Gumersindo Lamas. Na reunión, analizaron a situación dos diferentes proxectos que desenvolve o Goberno autonómico no municipio.

O rexedor aproveitou a reunión para interesarse polo desenvolvemento do Plan Urbe no concello de Sarreaus. Hai uns meses o goberno galego e o concello de Sarreaus asinaran un convenio para a urbanización da praza deste concello por valor de 152 mil euros. O delegado territorial expresoulle a súa vontade de poñer en marcha canto antes esta obra e “todo o apoio, diálogo e cooperación da Xunta para obrar de xeito coordinado á hora de ofrecer resposta ás demandas dos veciños de Sarreaus”.

Martínez interesouse polos investimentos do goberno galego neste concello ó longo deste ano, e destacou os preto de 40 mil euros para a realización de infraestruturas de uso público, preto de 50 mil euros para axuda no fogar de persoas dependentes, así como obras dentro do PEIM para mellorar varias pistas de núcleos do concello por máis de 20 mil euros. Así mesmo tratamentos preventivos en vías, camiños e outras superficies forestais para a prevención dos lumes forestais por máis de 90 mil euros.

A maiores, o delegado territorial destacou os preto de 80 mil euros que recibiu o concello de Sarreaus este ano para contratar, a través do Plan de Cooperación da Xunta a 16 parados.

O encontro institucional de hoxe forma parte da rolda de contactos iniciada polo delegado da Xunta cos alcaldes da provincia.

 

Imaxes relacionadas