A pesares das erróneas decisións que está a tomar o Ministerio, o Goberno galego mantén a súa vontade de traballar para que eses servizos sexan unha realidade

Hernández afirma que as actuacións do Ministerio de Fomento no Eixo Atlántico fan inviable o seu aproveitamento para o tren de cercanías

Hernández concretou que “o principal atranco parte da decisión de non manter o trazado convencional como unha liña independente”

“Os plans do Ministerio fan preciso cambiar as novas travesas en boa parte do itinerario de Alta Velocidade. Esta operación supón un custo adicional non previsto, ademais de ser complicada, porque mentres se fai ese cambio deberá manterse a circulación dos trens”

“Sorprendentemente comunícasenos agora, que algúns tramos do antigo Eixo Atlántico foron desafectados por Fomento da Rede Ferroviaria de Interese Xeral, de maneira unilateral e sen ter consultado nin informado en ningún momento á Xunta”
 

Santiago, 11 de outubro de 2011
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, asegurou no transcurso do Pleno do Parlamento de Galicia que os pasos dados polo Ministerio de Fomento no Eixo Atlántico supoñen a hipoteca do futuro do tren de proximidade en Galicia. Hernández concretou que ”o principal atranco parte da decisión de non manter o trazado convencional como unha liña independente”.

Non obstante, Agustín Hernández remarcou que “a pesar desta auténtica hipoteca para o futuro dun servizo de proximidades, a Xunta de Galicia mantén a súa vontade de traballar para que eses servizos sexan unha realidade”. Por iso, “o Executivo autonómico non pode quedar calado ante asuntos desta transcendencia e seguirá poñendo de manifesto a falta de previsión e planificación do Goberno do Estado en materia de ferrocarril en Galicia, así como o escurantismo que está a practicar nos últimos tempos”.

Esta situación derívase do levantamento das vías convencionais nalgúns treitos e na decisión de utilizar a antiga plataforma pola nova infraestrutura de alta velocidade, o que significa a imposibilidade de contar cunha liña específica para destinala aos servizos de proximidade.

Para o responsable de Medio Ambiente do Goberno galego, “os plans do Ministerio para tratar de superar esa eiva, dotando ao conxunto do Eixo Atlántico de travesas de tres carrís, farían preciso cambiar as novas travesas recentemente colocadas en boa parte do itinerario de Alta Velocidade, substituíndo as polivalentes actuais polas de tres carrís. Esta operación, ademais de supoñer un custo adicional non previsto en ningún momento, complicaríase polo feito de que mentres se realiza ese cambio deberá seguir manténdose a circulación dos trens”.

“Todo isto sen contar que hai reservas sobre o comportamento das travesas de tres fíos, xa que –entendemos- que non existe suficiente experiencia con este tipo de travesas como para basear nelas todo o funcionamento dunha arteria ferroviaria de comunicacións tan importante como o Eixo Atlántico, que terá que soportar un volume de tráfico moi elevado”.

Tramos desafectados
Para o Executivo autonómico está moi claro que o Ministerio non ten previsto recuperar a funcionalidade de todo o Eixo Atlántico convencional. Así mesmo, Agustín Hernández anunciou que “de maneira sorprendente comunícasenos agora, que algúns tramos do antigo Eixo Atlántico foron desafectados por parte de Fomento da Rede Ferroviaria de Interese Xeral, de maneira unilateral e sen ter consultado nin informado en ningún momento ao Goberno galego”. “A decisión do Ministerio de Fomento ten consecuencias evidentes, que afectan á Comunidade Autónoma e -no marco dunhas relacións baseadas na lealdade institucional e na transparencia- Fomento debería ter informado a Xunta da decisión que ía adoptar”, agregou.

Esta decisión comporta un novo atranco para a implantación dos servizos de proximidade, xa que para que estes tramos fosen incluídos de novo na rede, sería necesario a previa supresión dos pasos a nivel que tivesen, o que suporía un custo adicional para Galicia, asunto sobre o que o Ministerio de Fomento tamén gardou ata o de agora un silencio absoluto.

É preciso insistir na importancia que para Galicia supón o aproveitamento do antigo trazado ferroviario do Eixo Atlántico, que podería utilizarse para a implantación dun servizo de proximidade eficaz, segregado doutras circulacións interiores e de longo percorrido, que conectase as distintas poboacións que non conten con acceso directo á futura liña de alta velocidade e mesmo que garanta o tráfico ferroviario cos portos galegos de interese xeral.

Esta é unha das actuacións nas que a Xunta de Galicia vén insistindo constantemente e, para poder levar a cabo a implantación destes servizos, resulta imprescindible coñecer en detalle a configuración da infraestrutura sobre a que se prestarían, porque desa configuración dependerá a viabilidade técnica, operativa e económica dos servizos. Esa é a razón pola que se fai necesario coñecer os detalles sobre a reutilización da antiga infraestrutura.

Con ese fin, o Ministerio de Fomento está a rematar un estudo ao respecto, do que a Xunta descoñece os pormenores, xa que unicamente lle foron dadas a coñecer as conclusións nunha reunión celebrada recentemente entre representantes das dúas Administracións. Nesa xuntanza tratábanse de aclarar os plans do Goberno central con respecto á recuperación do antigo trazado de ancho ibérico (1.668 mm.) entre A Coruña e Vigo, logo de que entre en servizo o ancho internacional, propio da alta velocidade (1.435 mm), como primeiro paso para a súa transferencia.

Para poder transferir a liña ferroviaria convencional á Comunidade Autónoma ten que garantirse, en primeiro lugar, que é posible a súa continuidade para que funcione de maneira independente da nova liña. Non obstante, os representantes do Ministerio de Fomento declararon na xuntanza que a transferencia a Galicia do liña férrea convencional do Eixo Atlántico non era posible por dúas cuestións:

- En primeiro lugar, pola relación existente entre a antiga vía e a nova.

- En segundo lugar, polo feito de que a antiga infraestrutura será a que permita manter a comunicación cos portos de competencia estatal, mantendo a súa condición de rede ferroviaria de interese xeral do Estado.

Neste sentido, indicouse que o estudo -do que, indicou Hernández, non se nos facilitou ningunha documentación- céntrase en definir as actuacións que permitan a circulación de trens de mercadorías no ano 2015, data que o Ministerio segue a manter para a posta en servizo da liña de alta velocidade a Galicia e, en consecuencia, levar a cabo o cambio de ancho de vía, non só na liña entre Olmedo–Zamora–Ourense–Santiago, senón tamén no tramo entre A Coruña e Vigo.

Para garantir o tráfico de trens de mercadorías, que circularán sobre vías en ancho ibérico, o Ministerio ten previsto aproveitar na medida do posible a vía que quede en desuso. Estes tramos presentan un problema de continuidade no momento en que a antiga e a nova superestrutura ocupan a mesma plataforma, solapándose.

Nestes casos, a solución que contempla o Ministerio está baseada fundamentalmente no emprego de travesas de tres carrís, para garantir así a comunicación dos portos de Ferrol, A Coruña, Vilagarcía, Pontevedra-Marín e Vigo co resto da rede ferroviaria de interese xeral. Deste xeito, os trens de mercadorías utilizarían a antiga infraestrutura en ancho ibérico, así como a nova, grazas á implantación de travesas de tres carrís no itinerario entre A Coruña e Vigo.
 

Imaxes relacionadas