Agustín Hernández reúnese mañá en Valladolid cos seus homólogos de Castela e León, Asturias, Cantabria, País Vasco e Navarra para poñer en valor a alternativa

Galicia fai fronte común coas comunidades do Norte co obxectivo de que Bruxelas inclúa o Corredor Atlántico como eixo prioritario da Unión Europea para o transporte de mercadorías por ferrocarril

A realización do corredor ferroviario atlántico permitirá un transporte de mercadorías máis eficiente, rápido e sostible, ao posibilitar un mellor reparto dos modos de transporte, un feito que beneficiaría a Galicia e aos galegos

Os conselleiros firmarán un manifesto conxunto no que se solicita a inclusión deste corredor entre as liñas principais, centrais e básicas da Rede Transeuropea de Transporte que na actualidade se atopa en proceso de revisión

A importancia deste corredor para Galicia reside na súa posibilidade de vertebración cos principais portos de mercadorías galegos de Vigo, Vilagarcía, Marín, A Coruña e Ferrol así outro medio centenar de portos europeos de gran tamaño

Para acadar un corredor operativo é necesario o acondicionamento da infraestrutura ferroviaria e das conexións cos portos, aínda que o groso dos investimentos non serían novas infraestruturas senón adecuación das xa existentes

Santiago, 13 de outubro de 2011
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas participará mañá venres, 14 de outubro, no Cumio autonómico do Eixo Atlántico que se celebrará en Valladolid para instar á Unión Europea a declarar o Corredor Atlántico para o transporte de mercadorías como eixo prioritario en Europa, solicitando a súa inclusión na rede principal e básica da Rede Transeuropea de Transporte (TEN-T), actualmente en revisión.

Está previsto que a Comisión Europea presente o vindeiro mércores, 19 de outubro, a súa proposta para a revisión da Reded Transeuropea de Transporte. En España hai outros dous corredores que solicitan dita consideración: o Corredor Central e o do Mediterráneo.

Neste senso, o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas firmará cos seus homólogos un manifesto no que se defenden as posibilidades da ruta atlántica que aposta polo transporte ferroviario e marítimo coordinado coa estrada.

Desde a Xunta apóstase por solicitar á Unión Europea, que na actualidade está a revisar a rede transeuropea de transporte, a priorizar a opción atlántica, un corredor ferroviario que permitirá un transporte de mercadorías máis eficiente, rápido e sostible, ao posibilitar un mellor reparto dos modos de transporte, un feito que beneficiaría a Galicia e aos galegos.

Dende a Consellería de Medio Ambiente sinálase que a importancia deste corredor reside na súa posibilidade de vertebración cos principais portos de mercadorías galegos de Vigo, Vilagarcía, Marín, A Coruña e Ferrol así como outro medio centenar de portos europeos de gran importancia dende Portugal á Península Escandinava (Sevilla, Sines, Lisboa, Oporto, Santander, Bilbao, Burdeos, Nantes- Saint Nazaraire ou Brest, entre outros), cun tráfico total que supera os 650 millóns de toneladas anuais, ás que tamén se podería engadir o tráfico dos grandes portos nas prolongacións do corredor, como son Alxeciras, Amberes, Zeebrugge, Róterdam e Hamburgo. Trátase dunha infraestrutura que move unha media de 100.000 millóns toneladas-km anuais de mercadorías; mentres que a poboación que representa é de máis de 80 millóns de habitantes (un 25% da poboación da zona euro). Por outro lado, dende a perspectiva económica, o arco atlántico concentra un 30-40% do PIB (Produto Interior Bruto) da zona euro, o que equivale a máis de 2 millóns de euros deste indicador.

Ante esta realidade, na actualidade existe un importante desequilibrio modal que debería tender a un maior reparto dos modos a favor daqueles máis sostibles, particularmente o transporte ferroportuario. A modo de exemplo, aproximadamente un 50% do tráfico de mercadorías entre a Península Ibérica e Europa prodúcese pola fachada atlántica. Unicamente, un 1% deste tráfico realízase en ferrocarril e un 16% por mar, mentres que o 83% restante trasládase por estrada, feito que provoca a saturación das infraestruturas viarias e o colapso e insostibilidade do sistema.

Deste xeito, o corredor atlántico permite unir os principais portos da fachada atlántica ibérica cos mercados centroeuropeos, mellorando a súa competitividade ante a saturación dos grandes portos centroeuropeos e nun escenario de crecemento do transporte marítimo gracias ás melloras que se están levando a cabo no Canal de Panamá. Se a Comisión Europea declara prioritaria esta opción, permitiría impulsar o desenvolvemento da infraestrutura ferroviaria para o transporte de mercadorías no Corredor Ferroviario Atlántico e fomentar o transporte ferroportuario.

O Corredor Atlántico conecta as rexións bañadas polo Atlántico, que son as que forman a parte da Comisión do Arco Atlántico (Portugal, España, Francia, Irlanda, Reino Unido, Bélxica, Holanda, Alemaña; Dinamarca, Suecia, Noruega), prolongándose cara ao sur (porto de Alxeciras e Marrocos). Cara o Este conéctase co eixe Lyon- Ljubljana- Budapest ata a fronteira ucraniana (Kiev) e co eixe Berlín- Varsovia ata a fronteira bielorrusa (Minsk).

Actuacións precisas
A Xunta de Galicia trasladará na reunión de mañá, venres, que para acadar un corredor real e operativo é necesario o acondicionamento da infraestrutura ferroviaria e das súas conexións cos portos. Non obstante, unha parte importante dos investimentos non se dedicarían a novas infraestruturas senón á adecuación e melloras das infraestruturas e conexións existentes, tendo un efecto multiplicador na consecución dun maior equilibrio modal.

Na actualidade, o Corredor Atlántico existe como un conxunto de tramos pertencentes a varios estados, de características técnicas heteroxéneas e con diferentes sistemas de xestión en función da administración competente. Ademais, as condicións da rede ferroviaria non son as máis axeitadas para acadar os niveis de calidade necesarios para ofrecer os servizos de transporte que requiren as empresas.