O presidente da Xunta subliña que a aprobación dos Plans de Zona permitirá destinar 170 millóns de euros ao rural galego entre 2012-2016

Subliña que o Goberno galego está a actuar con responsabilidade e “facendo os deberes” pese aos recortes do 40% nas achegas do Goberno central ao medio rural galego

Avanza que a Xunta achegará a metade dos fondos, que se destinarán nun 50% a emprego e benestar nas zonas rurais

Santiago, 13 de outubro de 2011
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe que a aprobación dos Plans de Zona Rural de Galicia permitirá destinar un total de 170 millóns de euros ao rural galego. Así o dixo o xefe do Goberno galego na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta que hoxe lle deu luz verde a este acordo, que supón, engadiu, “o último paso antes de asinar o convenio co Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño” para acceder ao cofinanciamento deses fondos entre 2012-2016.

Resaltou o xefe do Executivo autonómico que a Xunta de Galicia está a “facer os deberes” e traballando, “a pesar desta situación económica”, con “responsabilidade, axilidade, cun compromiso económico e establecendo prioridades”. Así, lembrou que “responsablemente”, o Goberno galego vén denunciando os recortes feitos polo Goberno central en materia de medio rural, onde se rexistrou “un recorte en 2010 do 40%”. “E responsablemente, a pesares disto, vimos traballando para poder realizar os investimentos que están consignados nos presupostos do Estado”, engadiu.

Alberto Núñez Feijóo destacou que a Xunta está a traballar con axilidade, pois hai un meses aprobou as primeiras Directrices de Ordenación do Territorio de Galicia, un documento “estratéxico” para elaborar os Plans de Zona Rural. Nos últimos meses, concretou que, “facendo un exercizo de coordinación interna e externa” se desenvolveron eses Plans de Zona poñendo de acordo sete consellerías para “organizar investimentos, para priorizar investimentos e para someter os plans a avaliación ambiental estratéxica e poder remitilos ao órgano estatal correspondente”, que a semana pasada lles deu o visto e prace.

No tocante á coordinación externa, Feijóo salientou que os plans foron abertos á información pública e recibiron 1.200 suxestións. A partir de aí, destacou que Galicia queda dividida en 12 zonas rurais, que son: en Lugo: As Mariñas, Lugo Central, Lugo Sur e Montaña lucense; na Coruña: Rías Altas-Arco Ártabro, Costa da Morte-Rías Baixas e Terras de Santiago; en Ourense: Miño Central, Valdeorras, Depresións ourensáns-Terras do Sil; e en Pontevedra: Pontevedra Norte-Rías Baixas e Pontevedra Este-Terras do Miño.

O presidente galego anunciou que en vindeiras datas o Consello da Xunta aprobará achegar o 50% do investimento necesario para que as zonas rurais de Galicia accedan a un total de 170 millóns de euros entre 2012 e 2016.

Ademais, Feijóo subliñou que aproximadamente a metade do investimento se dedicará a emprego e benestar nas zonas rurais. Concretamente o 19,97% do investimento destinarase a actividades económicas e emprego; o 34,72% a infraestruturas e equipamentos básicos; o 26,35% a servizos e benestar social; e o 18,96% a ambiente.
 

Imaxes relacionadas