Belén do Campo visitou esta mañá o concello de Vilasantar onde mantivo un primeiro encontro institucional co alcalde, Fernando Pérez

A delegada territorial da Xunta na provincia e o rexedor analizaron os proxectos que está a desenvolver o Goberno galego no concello

Do Campo destacou o compromiso do Executivo autonómico coa creación de emprego e lembrou que Vilasantar conta este ano cunha subvención de máis de 79.000 euros para a contratación de 8 persoas desempregadas

A Coruña, 13 de outubro de 2011
Compartir
  • whatsapp

A delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén de Campo, visitou esta mañá o concello de Vilasantar, onde mantivo un primeiro encontro institucional co alcalde do municipio, Fernando Pérez, enmarcado no seu percorrido polos 94 municipios da provincia iniciado dende a toma de posesión do seu cargo.

Do Campo e o rexedor mantiveron unha reunión de traballo na que analizaron e repasaron os proxectos postos en marcha pola Xunta de Galicia no concello e na que tamén se abordaron as futuras actuacións da administración autonómica na zona.

Pérez aproveitou a reunión para trasladarlle á máxima representante do Executivo galego na provincia as demandas dos veciños, que pasan, fundamentalmente, por mellorar as infraestruturas viarias e aumentar a seguridade nas estradas do municipio.

Pola súa parte, Do Campo comprometeuse a estudar todas as propostas e a traballar intensamente para darlles resposta no menor prazo de tempo posible. A representante do Goberno galego na Coruña ofreceulle ao alcalde “a máxima cooperación e diálogo para sacar adiante de xeito coordinado aqueles proxectos que redunden no benestar dos veciños da localidade”.

Plan de Cooperación
Por outra banda, a delegada destacou o compromiso do Goberno galego coa creación de emprego e lembrou que o Concello de Vilasantar conta este ano cunha subvención de 79.289 euros para a contratación de 8 persoas desempregadas para a realización de obras e servizos de interese social. Todos os contratos son a xornada completa.

Trátase dos fondos achegados pola Consellería de Traballo e Benestar aos concello a través do Plan de Cooperación, que este ano incrementou a axuda destinada a Vilasantar en 22.048 euros.

“Dende a Xunta somos conscientes do momento de gran dificultade no que nos atopamos e por iso seguimos a potenciar, a través dos recurso públicos, instrumentos para que os concellos poidan facer contratacións”, destacou a delegada no transcurso do encontro.
 

Imaxes relacionadas