As comunidades do Norte de España defenden ante a Comisión Europea un corredor ferroviario competitivo e piden ao Estado que finalice a rede de alta velocidade do Norte e do Noroeste

O conselleiro de Medio Ambiente destaca que o 50% do tráfico de mercadorías entre a Península Ibérica e Europa rexístrase pola fachada atlántica

Sinala que o Corredor Atlántico contribuiría a optimizar o enorme esforzo que se está a facer dende os últimos anos nos portos e nas novas áreas loxística que temos en marcha

Apunta que os portos galegos son os máis occidentais da Europa continental e, polo tanto, están en perfecta situación para aproveitar os enormes fluxos actuais e os que se derivarán da ampliación do Canal de Panamá

Valladolid, 14 de outubro de 2011
Compartir
  • whatsapp

Representantes de obras públicas das comunidades de Galicia, Asturias, Castela e León, Cantabria, País Vasco e Navarra asinaron hoxe unha declaración institucional na que defenden a introdución do Corredor Atlántico Ferroviario entre as liñas básicas prioritarias da nova Rede Transeuropea de Transporte (TEN-T), que dará a coñecer a Comisión Europea a vindeira semana.

Os conselleiros de obras públicas fixeron un apoio expreso á execución dos investimentos necesarios para a adecuación do Corredor Atlántico Ferroviario e a súa conexión coas terminais portuarias e as principais plataformas intermodais da fachada atlántica, rede na que estarían integrados os portos galegos de interese xeral xunto cos principais portos e centros loxísticos do eixo atlántico peninsular.

Todas as comunidades autónomas presentes tamén realizaron unha petición explícita ao Estado para que este leve a cabo “a finalización da rede ferroviaria de Alta Velocidade no Norte e Noroeste de España, de forma coordinada co Corredor Atlántico”, ao obxecto de acadar unha rede ferroviaria “que posibilite o equilibrio territorial e ofreza unhas condicións de accesibilidade similares a todos os cidadáns”.

Nestes momentos, aproximadamente o 50% do tráfico de mercadorías entre a Península Ibérica e Europa rexístrase pola fachada atlántica. Deste tráfico, unicamente o 1% se produce por ferrocarril, o que supón a saturación das infraestruturas viarias.

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, interveu na reunión para defender un novo mapa de infraestruturas europeo que recoñeza o papel destacado do Eixo Atlántico no tráfico de mercadorías. Sinalou que non se trata de ir contra ninguén, en referencia aos corredores Central e Mediterráneo que tamén aspiran á declaración de prioritarios, senón de reivindicar un dereito e unha proposta.

No caso de Galicia, precisou Hernández, este eixe de transportes contribuiría a optimizar o enorme esforzo que se está a facer dende os últimos anos nos portos e nas novas áreas loxísticas que hai en marcha, ao que engadiu que os galegos son os portos máis occidentais da Europa continental e, polo tanto, están en perfecta situación para aproveitar os enorme fluxos actuais e os que se derivarán da ampliación do Canal de Panamá.
Sinalou que estes feitos, xunto co avance nas infraestruturas do transporte, farían de Galicia e das restantes comunidades alternativas competitivas pra cubrir a crecente saturación dos portos da Europa máis ao norte, como pode ser o caso de Rotterdam. Afirmou que unha axeitada conexión ferroviaria cos grandes mercados europeos, podería situar a Galicia como os grandes portos do mañá e asegurou que “hai que ter moi presente que o que non está nos grandes documentos de planificación non existe”, polo que aí radica a importancia para Galicia, sobre todo, de que este corredor figure coa relevancia que se merece na Rede Transeuropea de Transporte. Polo tanto, indicou, “chegou o momento de que no novo mapa de infraestruturas europeo se recoñeza a importancia da fachada atlántica”.

Aproveitar as infraestruturas existentes
O conselleiro Hernández destacou que dada a situación de crise actual que viven todos os gobernos é un deber, unha obriga e un exercicio de responsabilidade das administracións aproveitar as infraestruturas existentes.

Na actualidade, existen dous eixes que cruzan os Pirineos e que conectan a Galicia co resto de Europa, polo que é de sentido común, considerou o conselleiro, aproveitar ao máximo eses corredores antes de investir inxentes cantidades de diñeiro na apertura dun terceiro eixe, máis custoso e que implicarían maiores riscos, tanto técnicos como económicos.

Concluíu afirmando que se trata dunha solicitude clara, lexítima e representativa, unha reivindicación que está formulada por seis gobernos autonómicos que representan ao 21% dos habitantes de toda España.

Eixe vertebrador
O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas asinou cos seus homólogos un manifesto no que se defenden as posibilidades da ruta atlántica que aposta polo transporte ferroviario e marítimo coordinado coa estrada. Está previsto que a Comisión Europea presente o vindeiro mércores, 19 de outubro, a súa proposta para a revisión da Rede Transeuropea de Transporte. En España hai outros dous corredores que solicitan dita consideración: o Corredor Central e o do Mediterráneo. Desde a Xunta apóstase por solicitar á Unión Europea que priorice a opción atlántica, un corredor ferroviario que permitirá un transporte de mercadorías máis eficiente, rápido e sostible, ao posibilitar un mellor reparto dos modos de transporte, un feito que beneficiaría a Galicia e aos galegos.

A importancia deste corredor reside na súa posibilidade de vertebración cos principais portos de mercadorías galegos de Vigo, Vilagarcía, Marín, A Coruña e Ferrol así como outro medio centenar de portos europeos de gran importancia dende Portugal á Península Escandinava (Sevilla, Sines, Lisboa, Oporto, Santander, Bilbao, Burdeos, Nantes- Saint Nazaire ou Brest, entre outros), cun tráfico total que supera os 650 millóns de toneladas anuais, ás que tamén se podería engadir o tráfico dos grandes portos nas prolongacións do corredor, como son Alxeciras, Amberes, Zeebrugge, Róterdam e Hamburgo. Trátase dunha infraestrutura que move unha media de 100.000 millóns toneladas-km anuais de mercadorías; mentres que a poboación que representa é de máis de 80 millóns de habitantes (un 25% da poboación da zona euro). Por outro lado, dende a perspectiva económica, o arco atlántico concentra un 30-40% do Produto Interior Bruto da zona euro, o que equivale a máis de 2 millóns de euros.

Na actualidade existe un importante desequilibrio modal que debería tender a un maior reparto dos modos a favor daqueles máis sostibles, particularmente o transporte ferroportuario. A modo de exemplo, aproximadamente un 50% do tráfico de mercadorías entre a Península Ibérica e Europa prodúcese pola fachada atlántica. Unicamente, un 1% deste tráfico realízase en ferrocarril e un 16% por mar, mentres que o 83% restante trasládase por estrada, feito que provoca a saturación das infraestruturas viarias e o colapso e insostibilidade do sistema.

Dende a Xunta de Galicia establécese que para acadar un corredor real e operativo é necesario o acondicionamento da infraestrutura ferroviaria e das súas conexións cos portos. Non obstante, unha parte importante dos investimentos non se dedicarían a novas infraestruturas senón á adecuación e melloras das infraestruturas e conexións existentes, tendo un efecto multiplicador na consecución dun maior equilibrio modal.

 

Documentos relacionados
Sons relacionados
Audio coas declaracións do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, hoxe en Valladolid
Imaxes relacionadas