A delegada territorial da Xunta na Coruña e o alcalde de Carral asinan a acta de conformidade das axudas destinadas ás obras de rehabilitación da Casa Consistorial do municipio

Do Campo supervisou o resultado dos traballos, para os que o Goberno galego destinou 410.000 euros

O Executivo autonómico destina preto de 70.000 euros ás obras de modernización da praza da Capela

A Coruña, 14 de outubro de 2011
Compartir
  • whatsapp

A delegada territorial da Xunta na provincia da Coruña, Belén do Campo, e o alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, asinaron esta mañá o documento de conformidade para a concesión da subvención destinada á rehabilitación da casa consistorial da localidade financiada polo Goberno galego, a través da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Do Campo desprazouse ata a localidade, onde supervisou o resultado dos traballos, para os que o Executivo autonómico aportou 410.000 euros repartidos en catro anualidades. Desta cantidade, 200.000 euros foron consignados neste mesmo exercicio.

O proxecto consistiu na rehabilitación integral das instalacións municipais para adaptalas ás normativas de seguridade e para mellorar as condicións de traballo dos empregados e de atención aos veciños. Para iso procedeuse á reposición dos materiais, a reorganización das dependencias, a ampliación das zonas de traballo e á adecuación da iluminación e a acústica.

Visita institucional
A delegada aproveitou a súa estancia no municipio para manter un encontro de traballo co rexedor e así coñecer de primeira man as necesidades dos veciños e analizar os proxectos que o Goberno autonómico desenvolve no concello.

A máxima representante do Executivo galego na provincia recordou que a Xunta financia o 70% do custe dos traballos de modernización dos equipamentos da praza da Capela, con unha achega de 69.896 euros a executar en dúas anualidades.

O proxecto contempla a retirada das actuais lousas das beirarrúas e a colocación doutras de pedra. Ademais, habilitaranse novas canalizacións preparadas para novas redes. A actuación completarse coa renovación do asfaltado e do mobiliario urbano e a colocación de nova sinalización vertical.

A concesión dos fondos enmárcase dentro do Plan Ágora-Agora re-Comercia posto en marcha pola Consellería de Economía e Industria, a través do que tamén se remodelou a rúa Francisco Javier Alvajar.


O obxectivo da actuación é contribuír á dinamización desta área comercial aberta e aumentar a súa competitividade para convertela nun ámbito estratéxico e vertebrador no desenvolvemento económico da localidade.

 

Imaxes relacionadas