Galicia e Asturias celebran a primeira reunión para abordar a axilización do AVE e a unificación de criterios en ancho de vía

Agustín Hernández e Isabel Marques consideran que na actualidade non existen criterios claros de elección de ancho de vía nas novas infraestruturas ferroviarias, tal e como demostran os sucesivos cambios de decisión que se produciron nos últimos anos en obras que actualmente se realizan en Asturias e Galicia

Santiago, 14 de outubro de 2011
Compartir
  • whatsapp

Dentro do Cumio autonómico das comunidades do Norte de España celebrado hoxe en Valladolid, a conselleira de Ordenación do Territorio e Medio Ambiente do Principado de Asturias, Mª Isabel Marqués García, e o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, mantiveron hoxe a primeira reunión entre ambos responsables de obras públicas para abordar cuestións de interese común en materia de infraestruturas.

Particularmente, trataron a mellora da rede convencional de ferrocarril en Asturias e Galicia, xa que nestes momentos non existe -a xuízo de ambos conselleiros-, criterios claros de elección de ancho de vía nas novas infraestruturas ferroviarias, como poñen de manifesto os sucesivos cambios de decisión que se produciron nos últimos anos en obras que actualmente se realizan en Asturias e Galicia.

Tanto a conselleira de Asturias como o conselleiro galego sinalaron o desequilibrio en dotación de infraestruturas ferroviarias que existe actualmente entre as rexións do este e suroeste de España con respecto ao norte e noroeste, polo que instan ao Ministerio de Fomento a resolver esta situación finalizando a conexión de Alta velocidade coas zonas setentrionais de España.
 

Imaxes relacionadas