A Xunta planifica as infraestruturas sociais residenciais ata 2020 cunha novidosa ferramenta que define 6 áreas prioritarias

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, presentou hoxe o mapa de infraestruturas socias de Galicia para a atención residencial a persoas dependentes, que deseñou a USC en colaboración co Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF) da Fundación Novacaixagalicia

A nova ferramenta informática prioriza as actuacións do Goberno galego de acordo a criterios técnicos e á demanda real

Mato destacou que por primeira vez en España esta planificación supera ás proxeccións tradicionais que só se baseaban na poboación maior de 65 anos

O novo mapa ten en conta principalmente os factores da evolución da poboación dependente segundo os seus graos, a preferencia dos usuarios e a territorialización

O mapa determina, entre outras conclusións, que a maior grao de dependencia, maior preferencia por unha residencia

Santiago, 14 de outubro de 2011
Compartir
  • whatsapp

A Xunta conta a partir de agora cun mapa de infraestruturas sociais de Galicia para a atención residencial de persoas dependentes. Trátase dunha nova ferramenta, que supera aos modelos anteriores, e na que se teñen en conta diversos criterios de planificación como a poboación, a evolución das persoas dependentes, as súas preferencias e a territorialización dos resultados co fin de realizar, de cara a 2020, unha planificación real e obxectiva da necesidade das prazas residenciais para actuar tanto a curto, medio e longo prazo.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, presentou hoxe esta iniciativa, que se basea nunha ferramenta informática patentada pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) en colaboración co Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF) da Fundación Novacaixagalicia. No almorzo informativo, a titular do departamento autonómica estivo acompañada pola directora xeral de Dependencia e Autonomía Persoal, Coro Piñeiro, e por Melchor Fernández, director do Idega da USC.

Mato destacou que “estamos ante unha planificación rigorosa, técnica, eficaz e racional” para a posta en marcha de infraestruturas sociais para a dependencia. Nunha primeira fase, esta ferramenta planifica a atención residencial, xa que posteriormente, segundo indicou a titular de Benestar, o mapa irase ampliando con outros servizos. Neste senso, avanzou que a seguinte fase será sobre a atención diúrna.

“A concreción que nos permite esta ferramenta é ubicar a cada persoa con dependencia e con dereito a prestación no lugar exacto onde reside”, afirmou Mato.

O mapa utiliza por primeira vez en España uns criterios que superan ás proxeccións tradicionais que ata o de agora só se baseaban na poboación maior de 65 anos. O uso deste único factor daba lugar a datos erróneos, xa que “nin todos os maiores de 65 anos queren acudir a unha residencia, nin todos os usuarios de residencias son maiores de 65 anos”. Neste sentido, apuntou que unha enquisa do propio Imserso, elaborada en 2010, sinala que máis do 87% dos maiores de 65 anos prefire vivir na súa casa, aínda que sexa só.

Tamén hai que ter en conta que ata agora as planificacións anteriores se baseaban só nos maiores de 65 anos. Pola contra, os datos da prevalencia da dependencia mostran que cando se multiplica a dependencia é a partir dos 75 anos, e non dos 65.

Ademais, os criterios tradicionais nos que se baseaba ata agora a necesidade de ofertar atención residencial, que ademais só se plantexaba para persoas maiores,era a falta de propiedade da vivenda por parte dos usuarios; a falta de posibilidade de realizar actividades da vida diaria; e a falta de apoio familiar.

Estes criterios que se empregaban con anterioridade cambian segundo vai evolucionando a sociedade. Así, actualmente en España case o 90 por cento de maiores de 65 anos son propietarios de vivenda. No que se refire á posibilidade de realizar actividades da vida diaria, hai que lembrar que a esperanza de vida libre de discapacidade é de 15 anos desde que se cumpren os 65; e, xa no que ten que ver co apoio familiar, hai que destacar que en Galicia só o 16 por cento dos maiores viven sós, mentres que na Unión Europea esta media ascende ao 32 por cento.

Novos criterios de planificación
Por iso, este mapa de infraestruturas sociais de Galicia ten en conta outros factores máis aló da poboación, entre os que destaca de forma fundamental a preferencia dos usuarios por uns servizos sobre outros. Os criterios que se teñen en conta son principalmente tres: a evolución da poboación dependente segundo os seus graos, o que permitiu situar por primeira vez a estas persoas nun mapa; a preferencia dos usuarios que escollen esta opción; e a territorialización dos resultados que permite descubrir en que punto en concreto será preciso habilitar más recursos para garantir a xustiza territorial.

Tendo en conta estes criterios e a proporción entre a oferta e a demanda, chegáronse a diversas conclusións. A principal é que se conseguiu a definición de seis áreas prioritarias de actuación –ten en conta ás áreas sociosanitarias, para mellor a coordinación entre atención social e sanitaria- que son as seguintes: a primeira área prioritaria estaría conformada polos concellos próximos a Santiago e Pontevedra; a segunda, polos de Verín e Barbanza; os de Vigo e A Coruña serían a terceira área; os de Lugo e Cee, a cuarta; os de Ourense, Ferrol, Salnés e Burela, a quinta; e, por último, a sexta zona serían os próximos a Monforte e Valdeorras. Polo tanto, establece e ordena as zonas onde é preciso actuar, o que garante o equilibrio territorial no acceso aos recursos.

Ademais de poder definir as 6 áreas prioritarias de actuación, o mapa determina que a preferencia por un recurso residencial está máis vinculado ao grao de dependencia que á idade. Por exemplo, existe máis preferencia polo recurso residencial entre os dependentes de grao III que no grao II. Así, a preferencia pola atención residencial é no grao III do 23,7 por cento, e nos graos II está por debaixo, no 13 por cento. Como mostra de que a preferencia por atención residencial vincúlase máis ao grao de dependencia que a idade, pódese citar o feito de que a media de preferencia no grao III está sempre en valores de entre o 21 e o 25 por cento, independentemente do grupo de idade (ben sexa entre menores de 65, ou maiores de 85).

Así mesmo, o mapa reflicte datos como que a preferencia da utilización do servizo residencial é maior no ámbito urbano que no rural, pese a que a posibilidade de ser dependente é maior nos municipios pequenos e rurais polo envellecemento poboacional. Así, as 7 grandes cidades concentran ao 40 por cento dos usuarios de atención residencial. Os resultados do estudo tamén amosan que hai que ter en conta a mobilidade dos propios maiores, que a miúdo trasládanse a vivir desde onde están censados, ata o lugar onde reside a súa familiar.

A titular do departamento autonómico apuntou, ademais, a importancia de iniciar esta planificación pola atención residencial, xa que sinalou que Galicia ten xa unha maior porcentaxe de prestacións recoñecidas de atención residencial, ao abeiro da Lei de Dependencia, que o resto de España. En concreto, de todas as persoas atendidas, o 27,3 por cento están en Galicia a recibir unha atención residencial, 8 puntos por riba da media de España, que se sitúa no 19,7 por cento.

Por último, asegurou que a combinación deste mapa coa carteira de servizos de atención á dependencia permitirá “unha plena correspondencia entre a oferta e a demanda”, xa que a propia carteira rompe tamén á barreira da idade á hora de acceder aos centros residenciais, por exemplo.

En definitiva, a titular de Benestar afirmou que “o mapa constitúe unha ferramenta novidosa que permitirá coñecer de forma real e efectiva a demanda de prazas residencias que haberá no futuro en cada zona de Galicia, o que permitirá a este Goberno e aos futuros que veñan planificar as infraestruturas sociais con rigor”.