O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, presidiu hoxe en San Caetano a reunión do Padroado da Fundación Museo do Mar de Galicia na que se aprobou o nomeamento como nova directora do centro da pontevedresa Marta Lucio Gómez, licenciada en Xeografía e Historia e cunha ampla experiencia no ámbito da xestión cultural.
Nacida en Meis, Marta Lucio é licenciada en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, nas especialidades “Historia da Arte. Arte Antiga e Medieval” e “Historia da Arte. Museoloxía”. Conta co certificado-diploma de Estudos Avanzados tras realizar o programa de doutorado ‘Historia da Arte’ do Departamento de Historia da Arte da facultade de Xeografía e Historia da Universidade Nacional de Educación a Distancia, documento que acredita a suficiencia investigadora na área de coñecemento de Historia da Arte. A súa tese doutoral, en proceso de elaboración, versará sobre a “Influencia dos Evanxelios Apócrifos na Iconografía Medieval Galega”.
Cunha ampla experiencia profesional, Marta Lucio é na actualidade funcionaria adscrita ao Servizo de Cultura da Deputación de Pontevedra, co cargo de coordinación da área de xestión cultural que elabora a programación cultural anual da institución. Este labor leva consigo coordinar diferentes campos de actuación tales como a montaxe de actos de gran formato, exposicións temporais, programación de concertos, obras de teatro ou espectáculos infantís. Desde outubro de 2008 veu realizando labores de xestión de arquivo e asistencias técnicas aos concellos da provincia de Pontevedra en materia de xestión cultural. Do mesmo xeito, participou na dotación da programación expositiva á sala do Padroado do organismo autónomo Rías Baixas, á da sede de Vigo da Deputación de Pontevedra e ao Castelo de Soutomaior.
Nos últimos anos, a nova directora do Museo do Mar de Galicia colaborou en diversos proxectos editoriais. Entre eles, cabe destacar o artigo “Los molinos de Barosa. Reflejo del pasado, espejo del futuro” para a Revista de Estudos Provinciais da Deputación de Pontevedra, a colaboración coa Editorial Hércules na creación da obra científico-literaria colectiva “Galicia para soñar” ou o traballo sobre a Igrexa Parroquial de Santa María de Paradela publicado na revista da Fundación Cultural Rutas del Románico. Marta Lucio exerceu tamén a coordinación da publicación “Rías Baixas. Territorio Gastronómico”, así como doutras publicacións que teñen que ver co mundo da arte, o patrimonio ou a etnografía.
No ámbito expositivo, Marta Lucio desempeñou a coordinación e a montaxe da exposición “A Pedra na Tarxeta Postal”, organizada pola Escola de Canteiros de Pontevedra, ademais da documentación e elaboración de textos do catálogo publicado. Do mesmo xeito, encargouse dos textos do catálogo “Gerhard Mader. Onde se atopan os cables”, tamén da Escola de Canteiros de Pontevedra. Foi comisaria, coordinadora e técnica responsable da exposición itinerante “Etnografía do Salnés” e colaborou na elaboración do catálogo da mostra “Avance dunha continxencia. Arquitectura contemporánea en Galicia” do Centro Galego de Arte Contemporánea. Na súa traxectoria, desempeñou labores de comisariado e asesoramento técnico da programación expositiva e cultural dos diferentes auditorios da provincia de Pontevedra e exerceu como responsable técnico da montaxe da exposición permanente do castelo de Soutomaior.