A Xunta e o TSXG porán en marcha un grupo de traballo para preparar o xuízo do Prestige

Iniciará os seus traballos de inmediato e deberá detectar e dar resposta a todas as necesidades relacionadas con este proceso

A Comisión Mixta Xunta- TSXG tamén analizou hoxe o grao de execución do Plan de Infraestruturas Xudiciais e do Plan Senda 2014

En xaneiro de 2012 o proceso de renovación do parque ofimático acadará o 97% dos ordenadores cunha antigüidade superior aos cinco anos
 

A Coruña, 30 de novembro de 2011
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Miguel Ángel Cadenas, presidiron hoxe a reunión da Comisión Mixta entre Xunta e TSXG, na que, entre outros asuntos, acordaron poñer en marcha un grupo de traballo conxunto para preparar o xuízo do Prestige.

Dito grupo estará formado por membros da Xunta e do Tribunal e encargarase dende xa de xestionar toda a intendencia preparatoria do xuízo, dada a súa magnitude, determinando as necesidades organizativas que se plantexan ante a dimensión do proceso, tales como o lugar onde se celebrará e os medios materiais e humanos que serán precisos.

Os case 300.000 folios que compoñen o procedemento do Prestige foron trasladados hoxe mesmo á Audiencia provincial da Coruña, que fixará a data de celebración do xuízo oral. No procedemento hai máis de 2.000 partes personadas e consta de 153 tomos de peza principal, dous tomos de pezas de situación persoal, 168 tomos de responsabilidade civil, 35 tomos de pezas separadas do personamento e 27 pezas documentais separadas.

Na Comisión Mixta entre Xunta e TSXG celebrada hoxe na Coruña tamén se abordaron outros asuntos, como o grao de execución do plan de infraestruturas xudiciais e a aplicación do Plan Senda 2014 para integrar as TIC na Xustiza.Neste último ámbito, a secretaria xeral de Modernización da Xunta de Galicia, Mar Pereira, explicou que en xaneiro de 2012 o proceso de renovación do parque ofimático acadará o 97 por cento dos ordenadores cunha antigüidade superior aos cinco anos. Ademais, iniciouse a dotación de 22 sistemas de videoconferencia para as sedes xudiciais e postos de videoconferencia persoal.

Nesta mesma liña de actuación, e avanzando na dixitalización das salas, o vindeiro ano renovaranse os sistemas de gravación de vistas en 120 nas sedes xudiciais dentro do convenio trilateral IUS+Red asinado entre a Xunta, Red.es e Ministerio de Justicia. Esta medida irá acompañada da posta en marcha da aplicación eFidelius para a xestión da actividade da sala e dun sistema de arquivado de gravacións, que permitirán a integración dos arquivos multimedia no futuro expediente xudicial electrónico.

Sistemas de xestión e formación
No ámbito da formación e implantación dos sistemas de xestión dos diferentes ámbitos da administración de Xustiza, realizáronse 249 cursos de xestión e tramitación do sistema Minerva para uns 1450 usuarios. Ademais, finalizouse o plan de implantación e formación para os 221 usuarios do sistema de xestión das Fiscalías, Fortuny e estase a completar a implantación dun sistema informático de xestión propio para o Instituto de Medicina Legal de Galicia. O Simelga, é unha evolución do sistema Asklepius do Ministerio de Xustiza pero adaptado ás necesidades específicas dos profesionais desta Comunidade e que será xestionado integramente pola Xunta de Galicia.

Por outra banda, dende o primeiro trimestre de 2011 está finalizada a implantación en todos os órganos da provincia de A Coruña o sistema de notificacións seguras LEXNET, a través do que se realizaron xa 900.000 notificacións no que levamos de ano. Actualmente, estase desenvolvendo o plan de implantación e formación de Lexnet nos órganos xudiciais das provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra que rematará en xaneiro do vindeiro ano.

Acreditación dixital
A Secretaría Xeral de Modernización tamén informou de que xa comezou a distribución entre os profesionais da Xustiza da nova tarxeta de empregado público, que entre outras funcionalidades, alberga o certificado profesional, lles permitirá asinar documentos de xeito electrónico e acceder a sistemas como Lexnet.

Infraestruturas xudiciais
Pola súa banda, o conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, explicou a situación actual das obras e dos proxectos nos edificios xudiciais previstos para o vindeiro ano 2012. Neste sentido, destacou que o proxecto de rehabilitación da Fábrica de Tabacos, na Coruña, está a piques de ser adxudicado; que en maio de 2012 estará listo o novo edificio xudicial de Santiago; e que -unha vez garantida a seguridade xurídica das actuacións levadas a cabo- as obras da futura cidade xudicial de Ourense darán comezo antes de que remate o ano.

Finalmente, a Comisión Mixta tamén informou sobre a posible implantación dun sistema de garda de 24 horas no partido xudicial de Vigo, considerando que conforme a criterios obxectivos neste momento non é prioritario, sen prexuízo de que poida implantarse no futuro de acorde a novas valoracións. A decisión fundaméntase á vista do número e entidade dos asuntos solucionados polo xulgado de garda de xuízos de faltas e tendo en conta a prestación actual do servizo a través do sistema establecido coa creación do oitavo xulgado de instrución.

 

Imaxes relacionadas