Xunta de Galicia

O presidente da Xunta asegura na inauguración da primeira conexión do AVE en Galicia que “temos rematado con éxito unha etapa, pero a peregrinación continúa” e confía en que os galegos asumiremos “con máis ímpetu que nunca” o reto de completar os 326 quilómetros que restan

Feijóo ve a liña de alta velocidade A Coruña-Ourense a “fin do principio” do AVE a Galicia e avoga por darlle “verdadeiro sentido” co impulso á conexión coa meseta

Salienta que a posta en servizo da primeira liña do AVE galego “é a proba de que a nosa terra sabe encetar e culminar as obras colectivas”

Subliña que Galicia verá completa a alta velocidade ata Madrid porque conta “cun instrumento que se ten demostrado útil, o Acordo do Obradoiro”

Remarca que rematar o AVE galego é “o compromiso máis explícito en materia de infraestruturas” do vindeiro presidente do Goberno de España

Considera que a entrada en servizo do AVE é “o inicio da resposta” á confianza depositada polos cidadáns nos gobernantes, e a “unha necesidade obxectiva, colectiva e esperada desde hai moito tempo”
 

Intervención do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo
  • Imaxes da posta en servizo do AVE A Coruña-Ourense
    Autor: Ana Varela
  • Imaxes da posta en servizo do AVE A Coruña-Ourense
    Autor: Ana Varela
  • Imaxes da posta en servizo do AVE A Coruña-Ourense
    Autor: Ana Varela
  • Imaxes da posta en servizo do AVE A Coruña-Ourense
    Autor: Ana Varela
  • Imaxes da posta en servizo do AVE A Coruña-Ourense
    Autor: Ana Varela
  • Imaxes da posta en servizo do AVE A Coruña-Ourense
    Autor: Ana Varela
  • Imaxes da posta en servizo do AVE A Coruña-Ourense
    Autor: Ana Varela
  • Imaxes da posta en servizo do AVE A Coruña-Ourense
    Autor: Ana Varela
  • Imaxes da posta en servizo do AVE A Coruña-Ourense
    Autor: Ana Varela
  • Imaxes da posta en servizo do AVE A Coruña-Ourense
    Autor: Ana Varela
  • Imaxes da posta en servizo do AVE A Coruña-Ourense
    Autor: Ana Varela

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou hoxe que a posta en servizo da liña de alta velocidade ferroviaria entre A Coruña, Santiago e Ourense é “a fin do principio do AVE a Galicia”, e engadiu que para que adquira “verdadeiro sentido” é preciso “darlle continuidade a través da conexión coa Meseta, a través do AVE que conecte Galicia con Madrid, e desde alí ao resto de España e Europa”. Así o manifestou o xefe do Goberno galego en Ourense logo de percorrer a primeira liña galega de alta velocidade ferroviaria, nun acto inaugural no que afirmou que “temos rematado con éxito unha etapa, pero a peregrinación continúa”.

O titular da Xunta lembrou que restan aínda “326 quilómetros para que os galegos poidamos percibir realmente os beneficios e as oportunidades que ofrecerá o AVE polo que levamos tanto tempo agardando” e mostrouse convencido de que Galicia afrontará este reto “con máis ímpetu que nunca”.

Nese sentido, afirmou que o acto de hoxe é a proba “de que a nosa terra sabe encetar e culminar obras colectivas”, como esta que reúne as achegas de dous gobernos de partidos diferentes. Ademais, destacou que “contamos cun instrumento que se ten demostrado útil”, o Acordo do Obradoiro, do que apuntou que “malia que non se teña cumprido na súa totalidade, estou convencido de que foi un acerto pleno asinalo e telo feito nos termos máis ambiciosos".

Finalmente, o presidente galego subliñou que completar o AVE galego “é o compromiso máis explícito en materia de infraestruturas do que será, tal e como é previsible, o próximo presidente do Goberno de España”, porque “tamén é coñecedor das necesidades do noroeste español, porque é xusto para Galicia e porque é bo para España”.

Resposta á confianza depositada polos cidadáns
Na súa intervención, Alberto Núñez Feijóo indicou que poñer en marcha unha infraestrutura como esta é “a lóxica correspondencia á confianza que a xente deposita nos seus representantes públicos”, tanto desde o punto de vista da política, a través do voto, como da economía, a través dos impostos. Considerou que a posta en servizo da primeira liña do AVE galego é “o inicio da resposta a esa confianza, a unha necesidade obxectiva, colectiva e esperada desde hai moito tempo”.

“Ningún impedimento técnico, nin dificultade económica, nin moito menos traba política, derivaron xamais na rendición dos galegos”, afirmou o xefe do Executivo autonómico, quen engadiu que “lonxe de entendelo como un privilexio, sabemos que reivindicar para esta terra o mesmo AVE que Andalucía, por exemplo, goza desde hai dúas décadas, é unha xusta exixencia”.

O presidente da Xunta personalizou en dúas persoas a tarefa gobernamental que, en cumprimento de dúas obrigas, “foi traducindo o desexo colectivo dos galegos en proxectos, en licitacións, en adxudicacións, en obras e na certeza que inauguramos hoxe”. Referiuse así a Francisco Álvarez Cascos -quen á fronte do Ministerio de Fomento “licitou todos os tramos da conexión Santiago-Ourense e contratou dez de doce, ademais de licitar tamén o 61% do tramo A Coruña-Santiago”- e a José Blanco, quen “continuou ese proxecto co resto de trámites e de recursos necesarios para que esta liña sexa hoxe unha realidade incontestable”.
 

  • whatsapp