Iniciou xa os traballos para detectar e dar resposta ás necesidades relacionadas con este proceso
A Xunta e o Tribunal Superior de Xustiza (TSXG) celebraron hoxe a reunión na que quedou constituído o grupo de traballo que se encargará de preparar o xuízo do Prestige, tal como se acordara na Comisión Mixta que o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e o presidente do Alto Tribunal galego, Miguel Ángel Cadenas, presidiron no mes de novembro.
O grupo está formado pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, a subdirectora xeral de Sistemas de Información e Modernización da Administración Pública, María José García Sexto, o presidente da Audiencia Provincial da Coruña, José Luis Seoane Spiegelberg e o fiscal do caso, Álvaro García Ortiz. Nesta primeira xuntanza comezouse xa a traballar en toda a intendencia preparatoria do xuízo, dada a súa magnitude, determinando as necesidades organizativas que se presentan.
Os membros do grupo centrarán os seus esforzos en aspectos como optimizar o acceso das partes á documentación do caso a través, por exemplo, do expediente dixital, na planificación temporal, establecendo unha cronoloxía do procedemento, na busca da mellor localización para a celebración do xuízo e na dotación dos medios materiais e humanos que sexan precisos, entre outros.
Será a Audiencia Provincial, na que xa se encontran os 300.000 folios que compoñen o procedemento, a que fixará a data de celebración do xuízo oral, para o que hai máis de 2.000 partes personadas e que consta de 153 tomos de peza principal, dous tomos de pezas de situación persoal, 168 tomos de responsabilidade civil, 35 tomos de pezas separadas do personamento e 27 pezas documentais separadas.