Belén do Campo comprobou o resultado das obras de mellora da seguridade viaria na travesía de Abellá, no concello de Frades

A Xunta investiu 416.000 euros nesta actuación, que consistiu en dotar tres interseccións de carrís centrais de espera e de cuñas de aceleración e desaceleración

Ademais, executouse unha senda peonil separada da estrada por unha cuneta de seguridade

A Coruña, 30 de decembro de 2011
Compartir
  • whatsapp

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Frades, Miguel Prado, comprobou o resultado das obras de mellora da seguridade viaria na travesía de Abellá, onde o Goberno galego, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, investiu 416.000 euros.

Os traballos realizados neste tramo da AC-424 consistiron na dotación de carrís centrais de espera e de cuñas de aceleración e desaceleración nas interseccións correspondentes aos puntos quilométricos 8+400, 8+820 e 8+950. No resto de cruces do tramo da obra correxíronse as deficiencias en sinalización.

Ademais, executouse unha senda peonil separada da estrada por unha cuneta de seguridade revestida nas zonas onde era necesario, incrementando así os niveis de seguridade tanto dos peóns como dos condutores. A senda na marxe esquerda proxectouse entre os puntos quilométricos 8+400 e 10+580 e na marxe dereita, entre o 8+820 e o 10+620.

A máxima representante do Goberno galego sinalou que a realización deste proxecto demostra o compromiso do Executivo autonómico con esta comarca, á vez que destacou o cumprimento dos obxectivos marcados para a mellora da rede viaria da provincia, de xeito que se proporcione aos usuarios unha forma de condución cómoda e segura e se reduzan os riscos para os peóns. Cos traballos realizados na AC-424 incrementase a seguridade, reducindo en consecuencia os sinistros, e facilítanse os desprazamentos, coa finalidade de favorecer un desenvolvemento económico e social que proporcione unha maior calidade de vida aos veciños e veciñas do entorno.

 

Imaxes relacionadas