“Hoxe, en Galicia, tamén se inicia un raio de esperanza en materia de infraestruturas; e estou convencido de que veremos á ministra e ao presidente de España cumprindo cos compromisos con Pontevedra e con Galicia porque iso é cumprir cos compromisos de España”, asegura

Feijóo afirma que a nova etapa que se abre en España é tamén unha “nova esperanza” para Galicia e amósase seguro de que o diálogo servirá para “blindar as infraestruturas que Galicia agarda desde fai moito tempo”

Destaca a importancia da nova ponte de Monteporreiro e avanza que a Xunta complementará esta infraestrutura cunha actuación para humanizar unha das principais rúas deste barrio

Asevera que o Goberno galego seguirá contribuíndo ao progreso de Pontevedra: “Vamos a seguir facendo as obras do saneamento do rural comprometidas, a rematar a variante de Marín, a rematar a nova ponte das Correntes, a construír un hospital público, a axudar para a rehabilitación de Estribela, o solo residencial e as vivendas de promoción pública de Valdecorvos”

 

Pontevedra, 30 de decembro de 2011
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou, esta tarde, que a nova etapa que se ten aberto en España é, tamén, unha “nova esperanza” para Galicia. E amosouse seguro de que a vocación de diálogo expresada pola ministra de Fomento, Ana Pastor, servirá para “blindar as infraestruturas que Galicia agarda desde fai moito tempo”. “Hoxe, en Galicia, tamén se inicia un raio de esperanza en materia de infraestruturas; e estou convencido de que veremos á ministra e ao presidente de España cumprindo cos compromisos con Pontevedra e con Galicia porque iso é cumprir cos compromisos de España”.

Durante a posta en servizo da ponte de Monteporreiro, en Pontevedra, Feijóo avanzou que o Goberno galego complementará esta infraestrutura cunha actuación para humanizar unha das principais rúas deste barrio, a rúa Alemaña. “Procederemos –explicou- á ordenación dos seus espazos, a ampliación das súas beirarrúas, a dotación dunha rede de pluviais, a plantación de árbores e a dotación de mobiliario urbano”.

O titular da Xunta precisou que estas melloras se adxudicarán nos primeiros meses de 2012 e axudarán a seguir incrementando a calidade da cidade. E cualificou a nova ponte como “un novo paso que, ademais de facer máis cómodo o tránsito entre as ribeiras do Lérez, imprime maior carácter e singularidade a esta paisaxe”, asegurou.

O titular da Xunta subliñou que o Goberno galego seguirá contribuíndo ao progreso de Pontevedra, atendendo á súa importancia como capital de provincia e á súa constante vocación cultural e de servizos. “Vamos a seguir facendo as obras do saneamento do rural comprometidas, a rematar a variante de Marín, a rematar a nova ponte das Correntes, a construír un hospital público, a axudar para a rehabilitación de Estribela, o solo residencial e as vivendas de promoción pública de Valdecorvos”, salientou.
 

Imaxes relacionadas