A Xunta publica hoxe no DOG a aprobación da cesión ao Concello de Ourense da titularidade de cinco rúas que foron humanizadas pola Consellería de Medio Ambiente

As rúas que se van a transferir son Ervedelo, Adrio Menéndez, Rei Soto, Vicente Risco e Celso Emilio Ferreiro

Estas vías están enmarcadas nun convenio de colaboración no que a Xunta achega 8 millóns de euros para a execución de obras en 21,5 quilómetros de rúas

Correspóndelle ao Concello de Ourense, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como as funcións de disciplina viaria

Santiago, 2 de xaneiro de 2011
Compartir
  • whatsapp

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación da cesión ao Concello de Ourense da titularidade de cinco rúas. Trátase de: Ervedelo, Adrio Menéndez, Rey Soto, Vicente Risco e Celso Emilio Ferreiro, viais que foron humanizados recentemente pola Xunta de Galicia.

Estas rúas están enmarcadas nun convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o Concello de Ourense para o que a Xunta achega un orzamento de 8 millóns de euros destinados á execución de obras de optimización en 21,5 quilómetros de rúas da cidade de Ourense. Desde a Dirección Xeral de Infraestruturas sinálase que a día de hoxe as actuacións de humanización nestas rúas que se van transferir xa están finalizadas. Tamén se remataron recentemente proxectos de mellora noutras vías como a avenida de Zamora, Progreso, avenida de Reza, Marcelo Macías ou rúa Coruña.

A Xunta de Galicia, mediante a colaboración no citado convenio, trata de fomentar aqueles investimentos que resolvan problemas nas infraestruturas coa finalidade de proporcionar unha maior calidade de vida aos cidadáns.

Rúas a transferir
Un dos tramos que se cede pertence á estrada OU-402, que une Ourense e Cortegada, cuxa denominación é rúa Ervedelo. O treito, cunha lonxitude que alcanza preto dun quilómetro, é o comprendido entre a rúa Progreso e a N-525.

O segundo treito que se transferirá encádrase na OU-421, que conecta a praza Xeneral Moscardó e a avenida Estación. Son as rúas Adrio Menéndez e Rei Soto, que suman 200 metros. Nestas vías executáronse melloras na calzada e nas beiravías, no marco do convenio entre a Xunta e o Concello de Ourense.

O terceiro tramo, con 300 metros de lonxitude, correspóndese coa denominada rúa Vicente Risco, situada na N-525. Nesta rúa previuse a execución de melloras nas beiravías. O cuarto e último treito é a rúa Celso Emilio Ferreiro, que se sitúa na estrada OU-611, que conecta a avenida de Bos Aires coa Curros Enríquez. Esta vía, na que se acondicionaron as beirarrúas e se repuxeron diferentes servizos, conta cunha lonxitude de 400 metros.

A Dirección Xeral de Infraestruturas analizou e considerou adecuado o cambio de titularidade destes treitos e, de acordo co informe emitido polos servizos técnicos competentes, a transferencia da titularidade.

Cesión regulada
A entrega destas vías formalizarase no prazo de dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia (DOG). Correspóndelle ao Concello de Ourense, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como as funcións de disciplina viaria.

Cómpre sinalar que o Decreto 308/2003 prevé a posibilidade do cambio de titularidade de estradas a prol dos concellos, con especial referencia a aquelas susceptibles de ser transferidas por non dar continuidade a itinerarios ou ser treitos de estradas en que se fixeron variantes de trazado.

No artigo 5 da Lei 4/1994, de estradas de Galicia, indícase que os cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da comunidade autónoma deberán ser aprobados por decreto da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de estradas.