O delegado da Xunta en Pontevedra anunciou que os traballos poderían estar listos en unhas tres semanas “dependendo das inclemencias meteorolóxicas”
Esta mellora permitirá por fin aos problemas de caída do subministro eléctrico nesta zona
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, acompañado da alcaldesa de Marín, María Ramallo, así como do xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Luis Díez, visitou o avance das obras de soterramento da liña de media tensión na parroquia de Mogor.
O obxectivo destes traballos é a mellora da calidade do servizo eléctrico aos veciños desta zona así como evitar novas caídas de tensión. Deste xeito, a obra de soterramento está a ser executada a cargo de Fenosa, cun investimento de 90.000 euros mentres a reposición do firme será realizada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas cun investimento de 50.000 euros.
“Ampliaremos o beiravía todo o que poidamos, o problema é que non podemos executar beirarrúas xa que suporía un proxecto máis ambicioso economicamente e, por tanto, da realización dun proxecto e un estudo previo”, explicou Cores Tourís. “Agora estes traballos os executamos pola vía de emerxencia. Ademais, para poder executar beirarrúas sería necesario expropiar terreos e nesta zona existen moitos propietarios, o que alargaría aínda máis o inicio das obras”.
Segundo aportou Cores Tourís, as actuais obras estarán rematadas no prazo de tres semanas, “aínda que, evidentemente, iso dependerá, por un lado, da situación meteorolóxica xa que para poder realizar a reposición do firme fai falla bo tempo. Por outra banda, ademais, non podemos obviar que a PO-551 é unha estrada moi transitada, polo que o tráfico tamén ten que ser regulado e iso podería supor algún pequeno retraso no traballo”.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra agradeceu a actual alcaldesa a súa preocupación por este proxecto, “xa que temos que lamentar que o anterior goberno local non foi capaz de solicitar a mediación da Xunta con Fenosa para a execución deste soterramento. A súa falta de colaboración fixo que os traballos se retrasaran de forma importante”.
Camiño Real
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, aproveitou a presenza do delegado territorial para solicitarlle a mellora do Camiño Real que enlaza a zona de inicio das obras de Mogor coa parroquia de Seixo.
“Somos conscientes de que se trata dun camiño de paso que da moito servizo aos veciños e que permite garantir a seguridade dos mesmos para evitar que transiten pola estrada, polo que estudaremos esta solicitude”, respondeu José Manuel Cores Tourís, quen manifestou que esta obra podería ser executada a través de un convenio entre o concello de Marín e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.