A posta en valor desta infraestrutura conta cun orzamento de máis de 2,3 millóns de euros e ten un prazo de execución de 16 meses
O obxecto desta actuación é a reparación superficial desta estrutura, que presenta danos que supoñen unha redución na durabilidade de dita infraestrutura e que non son graves desde o punto de vista estrutural
Os problemas consisten na perda do recubrimento da armadura pasiva, polo que se fai necesario unha intervención superficial sobre a obra de paso que repare os danos atopados
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, licita hoxe a obra de reparación do Ponte Pedrido situado sobre a ría de Betanzos, concretamente no punto quilométrico 6+270 da estrada AC-164, que une as localidades de Bergondo e Padendre. Esta actuación suporá a conservación dun ben do Patrimonio Cultural de Galicia. Cómpre sinalar que a posta en valor desta infraestrutura conta cun orzamento de máis de 2,3 millóns de euros e ten un prazo de execución de 16 meses.
Nas inspeccións realizadas ao abeiro das actuacións recollidas no Sistema de Xestión de Obras de Paso non se constataron síntomas salientables de mal comportamento estrutural, a actuación xustifícase polos danos superficiais detectados na ponte, que teñen como consecuencia unha redución na durabilidade de dita infraestrutura.
O principal problema da ponte consiste na perda do recubrimento da armadura pasiva, o que aconsellou unha intervención sobre a obra de paso que repare os danos atopados para, así, alongar a súa vida útil polo menos 25 anos.
As medidas correctoras adoptadas para a reparación da estrutura centraranse na realización dunha serie de operacións encamiñadas a prolongar a súa vida útil e eliminar os fallos aparecidos. Por todo isto, as actuación principais serán:
- Eliminación da vexetación enraizada no formigón.
- Selado de fisuras. Este tratamento ten unha función resistente e unha misión de mellora da durabilidade da obra, para evitar a entrada de axentes agresivos.
- Reparación dos desconchóns e armaduras vistas.
- Execución dun reforzo na base da pila 10, que presenta unha socavación que deixa á vista os pilotes.
- Limpeza de humidades e aplicación de pintura anticarbontación, para evitar o principal deterioro que presenta, como é a corrosión das armaduras.
- Colocación dun goteirón en cada un dos extremos da lousa do taboleiro, para mellorar o drenaxe da estrutura e evitar os escorridos de auga polos elementos inferiores, así como quitar a auga da plataforma fóra da traza da ponte.
- Fresado do firme, tamén para levar a cabo unha impermeabilización, mellorando a estrutura fronte ás filtracións da auga de chuvia. Ademais, esta actuación servirá para eliminar as fisuras, gretas e fochancas, detectadas nalgunhas zonas do pavimento.
- Impermeabilización e repavimentación do taboleiro.
- Substitución das xuntas de dilatación.
- Reparación e reforzo da barandilla; colocación de sinais e pórticos definitivos.
A ponte ten unha lonxitude total de 517,45 metros, con 14 vanos, 13 deles teñen dous arcos de formigón de 31 m de luz, aproximadamente, e están situados baixo o taboleiro, vano restante ten dous arcos parabólicos de taboleiro inferior de 71,40 m de luz, así mesmo, esta estrutura ten unha anchura de 7,20 m., salvando o principal que chega ata os 8,25 metros.
Esta actuación beneficiará a máis de 72.500 habitantes dos concellos coruñeses de Pontedeume, Miño, Sada, Paderne, Bergondo e Oleiros, ademais de protexer un ben que está incluída no Inventario das Normas Complementarias e Subsidiarias do Planeamento Provincial de 1991, polo que conforme coa disposición adicional segunda da Lei 8/95 do Patrimonio Cultural de Galicia, aparece no Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia. Así mesmo, a estrutura aparece no Catálogo de Patrimonio do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Paderne.
Antecedentes
O Goberno galego leva a cabo traballos para a implantación dun Sistema de Xestión de Obras de Paso (XOPA) na Rede Autonómica de Estradas de Galicia (RAEG), onde se fai un completo inventario e inspección das estruturas dependentes da Xunta de Galicia. No marco do XOPA, a inspección principal desta estrutura realizouse no ano 2009, con posterioridade, fíxose unha segunda inspección visual no mes de outubro do 2009.
Tras estas inspeccións, e como consecuencia dos desprendementos constatados, o Executivo autonómico decidiu levar a cabo unha inspección especial (realizada ao longo do 2010 e primeiro trimestre de 2011) co fin de preparar un proxecto de reparación, que corrixa os danos que presentan os diferentes elementos da estrutura, sobre todo desprendementos do recubrimento de formigón con armadura vista e corroída, con perdas de sección nalgúns casos, e permita alongar a súa vida útil.
Con carácter xeral, cabe sinalar que a causa fundamental do deterioro na obra de paso é a carbonatación en zonas puntuais do formigón, que provocou a corrosión das armaduras e elementos metálicos, ademais da expulsión do recubrimento. Tamén, observáronse danos polo reducido recubrimento empregado na ponte; isto implica que as zonas en esquina sexan máis susceptibles de sufrir a acción dos axentes agresivos, por ter dúas caras de entrada.
A estrutura presenta gran cantidade de humidades polas filtracións de auga que chegan da plataforma do taboleiro, pola falta de impermeabilización das xuntas de calzada e pola ausencia de goteirón nos extremos dos voladizos da lousa.
Por outra banda, as barandillas tamén presentan desconchóns con armadura vista e corroída. Ademais, os tubos de desauge existentes verten de forma incorrecta, polo que se producen manchas de humidade, o que facilita a aparición de corrosións.