A delegada territorial da Xunta e o alcalde de Carral asinan a acta de conformidade da axuda de preto de 71.000 euros para dotar de mobiliario a Casa do Concello

A subvención súmase aos 410.000 euros achegados polo Goberno galego para levar a cabo a rehabilitación do edificio municipal

A Coruña, 5 de xaneiro de 2012
Compartir
  • whatsapp

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, e o alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, asinaron esta mañá o documento de conformidade para a concesión da subvención destinada a dotar de mobiliario a Casa do Concello. O Goberno galego, a través da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza financiou integramente esta actuación cunha achega de 70.929 euros.

O proxecto consistiu no subministro de todos os móbeis necesarios para a adecuada prestacións dos servizos municipais aos veciños, adaptándoos ás características das novas instalacións da casa consistorial, na que se xeraron novos espazos tras a súa rehabilitación integral. Así, o equipamento está formado por mesas, cadeiras, bancadas, armarios, arquivos, mostradores e outro tipo de pezas que posibilitan o correcto desenvolvemento da labor dos traballadores e a prestación de servizos.

A subvención que acaba de recibir o Concello de Carral súmase á xa concedida desde o departamento autonómico para acometer a remodelación do edificio municipal. O Executivo galego aportou un total de 410.000 euros repartidos en catro anualidades para abordar os traballos que permitiron adecuar o inmoble ás normativas de seguridade e mellorar as condicións de traballo dos empregados e de atención aos cidadáns. Para iso procedérase á reposición dos materiais, á reorganización das dependencias, á ampliación das zonas de traballo e á adecuación da iluminación e a acústica.

Do Campo destacou o apoio do Goberno autonómico aos Concellos e, no caso de Carral, agradeceu a colaboración do rexedor, que permitiu levar a cabo diversos proxectos para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas. A delegada territorial expresou a súa disposición a manter “todo o diálogo e cooperación” co Executivo local para seguir incrementando o benestar dos cidadáns.
 

Imaxes relacionadas