Cores Tourís recibiu ao alcalde de As Neves para analizar melloras na seguridade vial do municipio

Neste senso, a Xunta está a estudar a construción dunha glorieta na PO-400 para dar servizo aos veciños de Setados

Pontevedra, 10 de xaneiro de 2012
Compartir
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, recibiu esta mañá ao alcalde de As Neves, Raul Emilio Castro, con quen analizou posibles melloras de seguridade vial no municipio.

Deste xeito, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra trasladoulle ao rexedor do municipio a posibilidade da construción dunha glorieta na PO-400 na parroquia de Setados.

Segundo apuntou Cores Tourís, “nestes intres a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas está a realizar o borrador deste proxecto”, unha obra que roldaría os 200.000 euros.

“Somos conscientes dende a Xunta da necesidade desta obra, xa que permitiría mellorar non só a seguridade viaria desta estrada”, que enlaza Salvaterra do Miño con Filgueira, “senón que tamén dará servizo aos veciños da parroquia de Setados”, asegurou Cores Tourís, quen recordou que na actualidade esta zona de As Neves presenta certas complicacións para acceder a PO-400.

“Os autobuses, por exemplo, non poden acceder a este lugar onde residen unhas 200 familias. Non poden xirar polo actual enlace, o que causa evidentes problemas incluso aos nenos que teñen que ir andando ata as paradas do transporte escolar situadas na PO-400”, explicou Raul Emilio Castro.

Cores Tourís comprometeuse a dar traslado ao departamento autonómico correspondente da solicitude de axilización deste proxecto presentada hoxe polo alcalde de As Neves. “Esta obra podería executarse a través da firma dun convenio entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o concello de As Neves, quen se encargaría do pago das expropiacións dos terreos”, engadiu José Manuel Cores Tourís.

A obra executaríase no punto quilométrico 10 da PO-400 cun diámetro de 30 metros e contaría coa construción, ademais, de muros de contención.
 

Imaxes relacionadas