A Xunta lembra que o anterior Goberno do Estado é o único responsable de que Ourense non teña centro de interpretación de parques naturais

A Consellería de Medio Ambiente recorda que as obras iniciáronse en marzo de 2011, con dous anos e medio de retraso, cando o convenio expiraba en decembro

Resulta sorprendente que o mesmo partido que apoiou ao anterior Goberno central e non fixo ningún tipo de reclamación para axilizar as obras, culpe á Xunta de poñer en perigo esta infraestrutura

Santiago, 11 de xaneiro de 2012
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia lembra que o anterior Goberno do Estado, e mais concretamente o Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño (MARM), é o único responsable de que a día de hoxe Ourense non dispoña do Centro de Interpretación de Parques Naturais de Ourense, xa que tiña que estar rematado a finais de 2011.

Dende a Consellería de Medio Ambiente sinálase que en xullo de 2008, asinouse un convenio de colaboración, no que se prevía un investimento por parte do MARM de 7.000.000€, con anualidades de 2008-2009 e 2010.

Sen embargo, as obras deste centro iniciáronse en marzo de 2011, dous anos e medio despois da sintura do convenio, polo que este retraso non pode ser atribuído á actual Xunta, senón que se debe á mala xestión realizada polo anterior Ministerio de Medio Ambiente.

A Xunta de Galicia non incumpriu as súas responsabilidades, senón que as incumpriu o MARM, quen tiña a responsabilidade de execución da obra en xuño de 2008, e non actuou baixo o establecido no convenio asinado,.

Resulta como mínimo sorprendente que o mesmo partido que apoiou ao anterior Goberno central e non fixo ningún tipo de reclamación para axilizar as obras, culpe á Xunta de poñer en perigo esta infraestrutura.

É lamentable que os socialistas reclamen agora axilidade, sabendo que o convenio de colaboración expiraba en decembro de 2011, mes en que as obras xa tiñan que estar rematadas. A Xunta abordará esta actuación co novo Goberno de Estado.