A delegada territorial da Xunta e o alcalde de Mazaricos asinan a acta de conformidade da axuda de preto de 232.000 euros para a construción do centro de difusión medioambiental do dolmen de Barxubeira

A achega da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza permitiu tamén acometer melloras de saneamento en varios lugares do municipio

A Coruña, 11 de xaneiro de 2012
Compartir
  • whatsapp

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, e o alcalde de Mazaricos, José Manuel Santos, asinaron esta mañá o documento de conformidade para a concesión da subvención para acometer diversos traballos de carácter medioambiental e de mellora do entorno. O Goberno galego, a través da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza financiou integramente esta actuación cunha achega de 231.843 euros correspondente ao Fondo de Compensación Ambiental.

Acompañada polo rexedor, a máxima representante do Executivo autonómico na provincia supervisou o resultado das actuacións levadas a cabo con estes fondos. Por unha banda, o proxecto consistiu na construción dun edificio para albergar o centro de difusión medioambiental e interpretación do dolmen de Barxubeira. As obras leváronse a cabo nunha parcela de 16.568 metros cadrados, situada no lugar de Eirón. O inmoble conta con dous despachos, dous aseos e unha aula para o desenvolvemento de actividades, cunha superficie útil total de 121,7 metros cadrados.

Parte da subvención do Executivo autonómico tamén se destinou a mellorar a rede de saneamento de diversos puntos do municipio, mediante a recollida de augas pluviais e a posterior reposición de pavimento, tanto peonil como de vehículos. Estes leváronse a cabo nos lugares de Abeleiras, Lago, Cuíña, Vilar de Colúns, Godón, Outeiro de Bois e Cives.

A delegada aproveitou a súa estancia no municipio para manter un encontro de traballo co rexedor para analizar os proxectos que desenvolve o Goberno autonómico no municipio e as necesidades actuais. Nesta reunión, Santos trasladoulle tamén as demandas da localidade, algo polo que Do Campo expresou o seu compromiso de estudalas e de traballar intensamente para atendelas no menor prazo de tempo posible.

Do Campo destacou o apoio do Goberno autonómico aos Concellos e, no caso de Mazaricos, agradeceu a colaboración do alcalde, que permitiu levar a cabo diversas actuacións para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas. A delegada territorial expresou a súa disposición a manter “todo o diálogo e cooperación” co Executivo local para seguir incrementando o benestar dos cidadáns.

Imaxes relacionadas