Cores Tourís aporta unha posible solución para a conexión de dous lugares de Meis que quedaron illados coa construción do nó de Curro

Aproveitaríase un desnivel de 15 metros para a creación dun camiño de servidume a través dun paso inferior
 

Pontevedra, 12 de xaneiro de 2012
Compartir
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantivo esta mañá unha reunión de traballo co alcalde de Meis, José Luis Pérez Estévez, co obxectivo de atopar unha solución aos problemas que a construción do nó de Curro está a provocar aos veciños dos lugares de Ai e As Pedras na parroquia de San Lourenzo de Nogueira.

Na reunión estiveron presentes tamén o xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Luis Díez, así como técnicos de la Xunta de Galicia e responsables da empresa que está a executar as obras do nó de Curro.

Fai unhas semanas, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra visitou Meis, a petición do rexedor da localidade, para estudar este problema.

Naquel entonces, o delegado territorial estivo vendo sobre o terreo cos técnicos da Xunta posibles solucións para comunicar os lugares de Ai e As Pedras, ambos pertencentes á parroquia de San Lourenzo de Nogueira, que quedaron separados polo nó de Curro.

Aínda que na actualidade existe unha estrada que comunica ambos núcleos de poboación, esta supón un maior percorrido para os veciños do lugar, polo que se buscou unha solución para a creación dunha zona de paso, acurtando a distancia, pensado sobre todo para o transporte agrícola.

Segundo explicou Cores Tourís ao alcalde da localidade, a solución máis áxil e sinxela sería a que se pode executar aproveitando as obras que se están a realizar neste punto onde existe un desnivel de 15 metros “que se podería aproveitar para a execución dun paso inferior a través do cal se execute ese camiño de servidume que solicitan os veciños. Isto permitiría aos veciños trasladarse entre ambos lugares sen perigo”.

Este proxecto será agora trasladado á Dirección Xeral de Infraestruturas para a súa aprobación. Ademais, tamén se solicitará que o paso inferior sexa asfaltado, “nas mesmas condicións nas que se atopaba o camiño de servidume que desapareceu coas actuais obras do nó de Curro”, explicou o delegado territorial.


Por outra banda, Cores Tourís tamén recolleu a solicitude de José Luis Pérez Estévez en relación á reposición do depósito de auga situado no lugar de Ai. O alcalde de Meis recordou a necesidade de facer un novo depósito neste punto xa que abastece de auga potable a boa parte da poboación do municipio. O concello realizará así un estudo sobre a capacidade necesaria da infraestrutura.
 

Imaxes relacionadas