Cores Tourís comproba as obras de reparación da pista de Ponte Vilariño (Agolada) danada por un temporal

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra tamén visitou o futuro Punto de Atención á Infancia que se instalará no recinto do CEIP deste municipio

Pontevedra, 13 de xaneiro de 2012
Compartir
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, o xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Luis Díez Yáñez, e o alcalde de Agolada, Ramiro Varela Peón achegáronse nas últimas horas ata a pista de Ponte Vilariño neste municipio para comprobar in situ as obras de mellora realizadas nesta estrada para solucionar os problemas causados pola choiva no pasado outono.

A vía estaba asentada sobre unha tubaxe metálica que xa estaba deteriorada. A gran cantidade de auga que caeu provocou que a tubaxe non aguantara máis e o firme cedera, afundíndose parte dun dos carrís da pista.

Esta pista ten una gran importancia para o concello de Agolada, xa que dá servizo a máis dun centenar de veciños que a transitan para comunicarse entre os lugares de Belpellós, Eirexe, A Lagoa, Vilariño e a Ponte de Vilariño.

O proxecto contemplou a reposición de 25,6 metros de firme na pista de Ponte Vilariño e a instalacións dun marco de tres por tres metros. Ademais instalouse unha nova tubaxe dun metro de diámetro e 33 metros de lonxitude que serve para desvíar o caudal da auga e que esta non afecte á pista.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, tamén se comprometeu a atopar unha solución para a instalación dunha vionda neste punto, tal e como solicitou o alcalde da localidade de cara a mellorar a seguridade viaria.

A actuación de reforma e mellora desta estrada supuxo un investimento de 70.000 euros por parte da Xunta de Galicia.

Educación
Por outra banda, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra tamén visitou o futuro Punto de Atención á Infancia que se situará no recinto do CEIP de Agolada, onde se atopan as antigas casas dos profesores así como a vivenda auxiliar do conserxe.

Cores Tourís estivo acompañado nesta visita polo alcalde da localidade, Ramiro Varela Peón, así coma do xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, quen confirmou que dende este departamento autonómico deuse xa o visto bo para a desafectación destas vivendas, o que permitirá utilizalas con este fin. “Sen embargo”, segundo apuntou Pérez Ares, “remitimos de volta o proxecto ao concello de Agolada, porque é necesario, para o trámite de execución do PAI que o municipio se comprometa por escrito á realización dun acceso directo a estas instalacións así como ao pechamento do recinto de Punto de Atención”.

Pola súa banda, o alcalde da localidade transmitiulle ao delegado territorial a súa confianza en que a Consellería de Traballo e Benestar valore positivamente este proxecto que permitirá dar servizo a uns quince nenos da localidade.
 

Imaxes relacionadas