O presidente do Goberno galego asistiu esta mañá á posta en servizo do Treito II da Vía Ártabra

Feijóo garante o remate do treito I completo da Vía Ártabra neste ano 2012 e destaca que a variante de Oleiros será unha realidade a partir do verán

Resalta que nesta lexislatura haberá preto de 150 quilómetros de novas infraestruturas: “con este treito da Vía Ártabra son xa 87 os quilómetros de novos viais que poñemos a disposición nesta lexislatura, e durante este ano 2012 a eses 87km haberá que sumar outros 60 quilómetros novos”

Afirma que este conxunto de estradas suporá un antes e un despois na mobilidade da área metropolitana da Coruña

Subliña que nos primeiros 12 meses de funcionamento o novo plan de transporte metropolitano mobilizou preto de 7 millóns de desprazamentos

Sada, 27 de febreiro de 2012.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, garantiu hoxe, durante a posta en servizo do Treito II da Vía Ártabra, o remate do Treito I completo neste ano 2012 e destacou que a variante de Oleiros será unha realidade a partir do vindeiro verán. “Fai exactamente dous meses puxemos en marcha un treito da Terceira Rolda da Coruña; e, hoxe, inauguramos algo máis de 3 quilómetros da Vía Ártabra. Nos vindeiros meses inauguraremos preto de 8Km ata conectar a Nacional VI, no Espírito Santo, co porto de Lorbé; sen esquecernos da Variante de Oleiros. E remataremos o treito I da Vía Ártabra dentro deste ano 2012”, aseverou.

Feijóo afirmou que este conxunto de estradas suporá un antes e un despois na mobilidade da área metropolitana da Coruña e salientou que a accesibilidade dos concellos de Cambre, Oleiros, Sada e Bergondo se verá fondamente beneficiada con este eixe de alta capacidade ao afastar elevados tráficos dos núcleos de poboación, co conseguinte beneficio para condutores e peóns. “Traxectos como chegar do polígono do Espírito Santo ao porto de Lorbé se reducirán nun 60% do tempo e, por exemplo, quen teña que cruzar o núcleo de Oleiros poderá cambiar 3 quilómetros de travesía urbana por 2 quilómetros dun novo vial pechado e adicado exclusivamente aos automóbiles”.

O titular da Xunta lembrou que con este treito son xa 87 os quilómetros de novos viais “que poñemos a disposición nesta lexislatura”; “e, durante este ano 2012 –precisou- a eses 87 quilómetros haberá que sumar outros 60 quilómetros novos. Polo tanto, serán preto de 150Km de novas infraestruturas nunha lexislatura, sen ningunha dúbida, marcada pola crise económica e pola priorización do gasto en Sanidade, Educación, Servizos sociais e Universidades”.

Durante a súa intervención, o responsable do Executivo galego referiuse tamén ao novo Plan de Transporte Metropolitano. E, neste senso subliñou que nos primeiros 12 meses de funcionamento o transporte metropolitano mobilizou máis de 7 millóns de desprazamentos, “nada máis e nada menos que un incremento do 82% do número de persoas que, a través do transporte metropolitano, incrementaron as súas posibilidades de conexión, máis barata e con maiores frecuencias”. “Unha iniciativa que con este Goberno actual e os 10 concellos que conformaron o novo transporte metropolitano da Coruña melloramos as tarifas, as infraestruturas, os horarios e os sistemas de información”.
 

Imaxes relacionadas