Rogelio Martínez participa nos actos do 25 aniversario da Asociación Xuvenil Amencer

O delegado territorial da Xunta en Ourense louvou a traxectoria desta asociación que leva –dixo- funcionando ininterrumpidamente en prol da mocidade e da infancia dende hai 25 anos

Ourense, 24 de marzo de 2012
Compartir
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, participou hoxe nos actos programados para festexar o 25 aniversario da Asociación Xuvenil AMENCER, socia fundadora da Federación de Centros xuvenís Don Bosco de Galicia. Martínez asegurou que “unha asociación xuvenil de tempo libre cristiá ourensá leve funcionando e traballando en prol da mocidade e da infancia durante 25 anos ininterrompidos é unha boa e grande nova para a cidade de Ourense”.

A Asociación comezou no curso 86/87, ten os locais dentro do colexio salesiano, nos baixos do colexio e está aberta a toda a mocidade e a infancia da cidade. Trátase dunha asociación xuvenil de ámbito de tempo libre que trata de educar de forma integrada a nenos e mozos.

Amencer move semanalmente unha media de 300 rapaces e mozos en grupos de tempo libre. Dende os 6 ata os 18 anos de idade. Ofértanse máis de 60 proxectos para todas as idades e centros de interese: música, expresión, solidariedade, medios de comunicación, deporte,... Hai un equipo de 150 responsables e animadores que coordinan e traballan de forma voluntaria.

Martínez destacou a labor dos voluntarios que traballan arreo e comprometidos polos demais e felicitounos polo seu inestimable servicio e dedicación.