Este encontro celébrase dende mañá 28 de abril ata o 1 de maio na localidade de Águas de Sâo Pedro, no Estado de Sâo Paulo
A xuntanza reúne a unhas vintena de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago en Brasil e participarán unhas 500 persoas de todo o país
Un técnico da S.A. do Plan Xacobeo impartirá unha conferencia titulada ‘1200 anos de motivacións para percorrer o Camiño de Santiago’
A S.A. de Xestión do Plan Xacobeo participa en todas as actividades que terán lugar a partires de mañá e ata o vindeiro martes no VI Encontro Nacional de Brasil de Peregrinos a Santiago de Compostela que se celebra na cidade de Águas de Sâo Pedro”, no estado de Sâo Paulo, unha cidade balnearia situada a 180 quilómetros da capital paulista.
Esta participación inxírese na viaxe promocional que a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo emprendeu a Brasil o 24 de abril, e que inclúe un ciclo de conferencias e cursos de divulgación e información sobre o Camiño de Santiago a cargo do técnico do Xacobeo Manuel Rodríguez.
Este Encontro realízase cada dous anos nun lugar diferente que é elixido polos asembleístas na xuntanza precedente. Está organizado polas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago que existen en Brasil e nesta edición concreta o peso organizativo recaeu na Asociación de Confrades e Amigos do Camiño de Santiago no Estado de Sâo Paulo.
Está prevista a asistencia de medio milleiro de persoas de toda a República e o seu obxectivo e poñer en común diferentes temas da cultura xacobea, fornecer as relacións mutuas entre as distintas asociacións de peregrinos e divulgar e promover as rutas a Santiago.
Dentro deste contexto, o 29 de abril ás 10.15 horas, no Centro de Convençoes da Prefectura Municipal de Águas de Sâo Pedro terá lugar a conferencia 1200 anos de motivacións para percorrer o Camiño de Santiago na que se pasa revista a outras moitas motivacións máis alá da relixiosa que impelen aos peregrinos, aínda que todas parecen estar conectadas entre si e ao longo do tempo como un xeito de percibir a viaxe como unha metáfora da existencia humana, e só así se explíca o feito de que o Camiño de Santiago o realicen na actualidade cada vez máis xentes procedentes de todas as xeografías e das máis variadas culturas.
Outras actividades
A axenda da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo durante o VI Encontro Nacional de Peregrinos de Brasil a Santiago de Compostela complétase coas seguintes actividades:
-27 de abril. Reunión de traballo en Sâo Paulo coa “Asociaçao dos Amigos e Confrades do Caminho de Santiago de Compostela-Sâo Paulo (ACACS-SP)”.
-28 de abril ao 1 de maio, na mesma Águas de Sâo Pedro contactos e encontros de traballo con distintos representantes das organizacións xacobeas e culturais participantes na xuntanza e procedentes de todo o país. Contactos con escritores brasileiros de guías e libros sobre o Camiño de Santiago presentes no Encontro, toda vez que todos os anos publícanse alí novos títulos de temática xacobea. Contactos con outros representantes de itinerarios e centros culturais de Brasil, tales como o Caminho do Sol –ruta de peregrinación especificamente brasileira con sentido xacobeo, realizada por moitos peregrinos como preparación antes de emprender o Camiño de Santiago-, a Casa de Santiago, o Caminho dos Anjos, o Camiho Lagunar, etc.
O fenómeno xacobeo goza de grande popularidade en Brasil. No Ano Santo 2010 ocupou o oitavo lugar entre os peregrinos que recibiron a Compostela, con 2.121 peregrinos oficiais.