Xunta de Galicia

Cultura e Educación presenta ao alcalde de Burela o proxecto da Rede de Dinamización Lingüística

O secretario xeral de Política Lingüística visitou hoxe a localidade mariñá para reunirse co alcalde, ao que lle presentou o proxecto da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia

Valentín García participou tamén nunha sesión de dinamización lingüística organizada polo IES Perdouro e tivo ocasión de coñecer de primeira man as liñas de traballo que están a desenvolver desde este centro educativo no marco do ‘Proxecto Burela’
 

  • O secretario xeral de Política Lingüística participou nunha xornada de dinamización lingüística organizada polo IES Pedrouro
  • O secretario xeral de Política Lingüística participou nunha xornada de dinamización lingüística organizada polo IES Pedrouro

Burela, 30 de abril de 2012.- A Consellería Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presentou hoxe ao alcalde o proxecto da Rede de Dinamización Lingüística que a Xunta de Galicia puxo a andar en setembro de 2010 e que a día de hoxe conta xa con preto de 120 entidades adheridas. Para iso o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, desprazouse hoxe ata Burela, onde mantivo unha xuntanza con José González Barcia, alcalde da localidade.

Logo do encontro, o secretario xeral e o alcalde achegáronse ao IES Perdouro, para coñecer en profundidade o desenvolvemento do programa de integración intercultural "Modelo Burela", impulsado desde a súa Área de Innovación Educativa, en colaboración con outros centros educativos da Mariña Lucense e tamén co Concello de Burela, que conta cun Proxecto de Planificación Lingüística.

O director do centro educativo, Juan G. Sama, a coordinadora da Área de Innovación Educativa, María José Andión Fontela e o profesorado implicado no Proxecto de Innovación Educativa deste centro expuxéronlle polo miúdo ao secretario xeral as iniciativas de dinamización lingüística que se están a desenvolver desde o centro, en colaboración con outras entidades do tecido social burelao.

García Gómez tamén tivo ocasión de coñecer persoalmente o funcionamento do programa de actividades do Ciclo Formativo de Desenvolvemento de Produtos Informáticos.

Sesión didáctica arredor da dinamización do galego
A sesión didáctica, na que participou García Gómez acompañado do alcalde de Burela, así como do profesorado e alumnado dos centros educativos da localidade burelá, estivo dirixida pola profesora Margarita López e incluíu visitas a diversas entidades comerciais. A primeira parada foi nos locais do Ximnasio Breogán, onde a comitiva puido dar conta en primicia dos primeiros resultados da montaxe dun videoclip de homenaxe ao célebre grupo musical "Os Resentidos", no marco dun produto musical recompilatorio de dous grupos musicais da Mariña Luguesa –a Orquestra Alma Latina (Burela) e Safari Orquestra (Lourenzá)- que proximamente se presentará ao público xeral en diversas localidades galegas.

Logo de percorrer outros negocios e para concluír a sesión, García Gómez e o resto dos participantes mantiveron un encontro cos responsables da Asociación de Comerciantes, Industriais e Austónomos (ACIA) local, que lle trasladaron ao secretario xeral os seus proxectos e lle fixeron entrega dun arquivo recompilatorio con mostras das numerosas actividades realizadas pola devandita asociación dende que foi revitalizada.


‘Proxecto Neo‘
No marco do “Proxecto Burela“ desenvólvese, desde o mes de xaneiro, „Proxecto Neo“, a nova iniciativa radiofónica sobre a lingua galega impulsada desde o IES Perdouro, en colaboración con Radio Burela. O programa, que se centra na integración lingüística das persoas neofalantes, emítese cada mércores en horario de 17:00-18:00 horas e está dirixido e conducido por Bernardo Penabade, profesor de Lingua galega e literatura no instituto burelao e coordinador do “Modelo Burela“. Tamén conta con emisión a través de Internet e con presenza nas redes sociais.


O ‘Modelo Burela‘
O coñecido “Modelo Burela” de Planificación Lingüística constitúe xa todo un referente no ámbito da dinamización lingüística no ensino. O IES Perdouro botou a andar o proxecto no curso académico 2005-2006 e foi precisamente no presente curso 2011-2012 un dos cinco aos que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria –a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística- lles outorgou cadanseu premio de innovación en dinamización lingüística, no marco da convocatoria anual de Cultura e Educación dirixida ao fomento do desenvolvemento de proxectos educativos innovadores que impliquen o uso da lingua galega e o coñecemento da cultura de Galicia.

O “Modelo Burela” busca dinamizar a lingua galega desde a adquisición da competencia lingüística do alumnado en tres idiomas: galego, castelán e unha terceira lingua internacional. Durante este curso académico, o proxecto chega aos seis cursos en desenvolvemento e dá novos pasos coa posta en marcha iniciativas dinamizadoras no comercio e na empresa local.

 

  • whatsapp