Xunta de Galicia

Cultura e Educación homenaxea ao compositor betanceiro Carlos López García-Picos no Galicia Classics cun concerto a cargo do grupo instrumental S.XX

Con entrada gratuíta para o público, terá lugar este domingo día 27 ás 20:00 horas no Aula de Cultura de Betanzos

Baixo a dirección de Florian Vlashi, interpretaranse obras de autores galegos actuais como Paulino Pereiro, Margarita Soto, Manuel Alejandre ou Juan Durán

O festival mantén aberta a venda de localidades para a actuación da Capella della Pietà de Turchini dirixida por Antonio Florio o 20 de xuño en Vigo

  • Cultura e Educación homenaxea ao compositor betanceiro Carlos López García-Picos no Galicia Classics cun concerto a cargo do grupo instrumental S.XX

Santiago, 25 de maio de 2012.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria rende homenaxe ao compositor betanceiro Carlos López García-Picos cun concerto que terá lugar este domingo na súa localidade natal a cargo do Grupo Instrumental S.XX dirixido por Florian Vlashi. O concerto, segunda cita do festival Galicia Classics 2012, celebrarase ás 20:00 horas no Aula de Cultura de Betanzos con entrada gratuíta para o público, que poderá escoitar un programa que inclúe a estrea de varias obras de compositores galegos actuais.

Do mesmo xeito que nas súas dúas ediciones anteriores, Galicia Classics volta a colaborar coa Asociación Galega de Compositores, da que precisamente Carlos López García-Picos fora socio fundador. O tributo que se consistirá na primeira interpretación pública de obras dalgúns dos máis sinalados compositores que desenvolven a súa actividade hoxe en día en Galicia, tales como Paulino Pereiro, Margarita Soto, Manuel Alejandre ou Juan Durán, entre outros. Preténdese deste xeito establecer un diálogo co admirado autor betanceiro, falecido en 2009, que este ano tería celebrado o seu 90 aniversario.

Os 14 músicos integrantes do Grupo Instrumental S.XX con Florian Vlashi á dirección executarán deste xeito as pezas Quintetto di fiati in Re minore, de Gabriel Bussi; Septimino, de Juan Durán; Tres versos, de Carolis Biveinis; Sulún, de María Mendoza; Contrafactura op. 218, de Paulino Pereiro; Aurum 2.0 de Manuel Alejandre Prada; Norte mágico, de Miguel Brotóns; e Elexía. En memoria de Carlos López García, de Margarita Viso Soto.

Ademais de Vlashi (dirección e violín), conforman o grupo Lilia Chirilov (violín), Despina Ionescu (viola), Gabriel Tanasescu (violonchelo), Rediana Lukaçi (violonchelo), Todd Williamson (contrabaixo), Claudia Walker (frauta), Juan Ferrer (clarinete), Caisy Hill (oboe), Steve Harriswangler (fagot), Aigi Hurn (trompeta), John Etterbek (trombón), Manuel Moya (trompa) e Vera Pavlova (piano).

En memoria de García-Picos
Carlos López García-Picos naceu en Betanzos (A Coruña) en 1922. Foi o seu pai, José Antonio López Picos, quen o iniciou nos estudos musicais e na interpretación do requinto nunha pequena orquestra de seis instrumentos de vento coa que percorría a comarca betanceira amenizando as festas. Posteriormente, ingresa na Banda Municipal de Betanzos, circunstancia que coincide co inicio da Guerra Civil durante a que a familia vése na obriga de emigrar a Arxentina. Alí inicia en 1949 a que el mesmo definiu como “segunda etapa da miña vida”.Cara a 1946 faise cargo da dirección da Coral Polifónica Os Rumorosos do Centro Betanzos de Bos Aires, posto que desempeñou durante máis de trinta anos. Paralelamente, estudia harmonía co profesor catalán Lorenzo Serrallach e composición co maestro ruso Jacobo Ficher.

En 1956 estrea no Teatro Colón de Bos Aires o ballet La farsa de la búsqueda, que compuxo en colaboración co seu compañeiro de estudos Emilio Terraza. O éxito desta estrea valeulles a obtención dunha bolsa da Embaixada Cultural de Francia en Bos Aires, o que lle permitiu viaxar a París e continuar na capital francesa a súa formación musical. Alí recibíu clases de composición con Tony Aubin e Darius Milhaud e estudiou orquestración con Pierre Wissmer e dirección de orquestra con Leon Barzin.

De volta a Bos Aires, en 1964, ocupa varios cargos na Asociación de Xóvenes Compositores da Arxentina e tras varias estreas de pezas de cámara escribe a obra sinfónica Sindy, estreada en 1976 pola Orquestra Filarmónica de Bos Aires e que será elexida para representar a Arxentina nos Encontros de Música Contemporánea da UNESCO. Tamén é destacable a estrea da súa obra Ra-rá pola mesma orquestra e no mesmo escenario.

O 11 de maio de 1984 regresa definitivamente a Galicia, onde entra en contacto con varios xóvenes compositores galegos cos que funda en 1987 a Asociación Galega de Compositores (AGC), da que foi presidente durante os seus primeros anos de existencia. Asemade, tamén foi membro da xunta directiva da Confederación Española de Asociacións de Compositores Sinfónicos (CEACS). Durante estes anos, nos que se establece definitivamente na súa localidade natal de Betanzos, desenvolve a súa etapa máis produtiva dende o punto de vista compositivo, actividade que se viu recompensada co feito de ser un dos compositores galegos máis presente nos programas da Orquestra Sinfónica de Galicia, con varias estreas a cargo desta formación. Falece o 23 de decembro de 2009 en Oleiros (A Coruña), deixando no seu catálogo, formado por máis 130 títulos, un amplo número de obras sinfónicas, cuartetos, obras pianísticas, para violoncello e para diversas formacións camerísticas.

Próxima cita con Antonio Florio en Vigo
Baixo o patrocinio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), ‘Galicia Classics 2012 inaugurouse na Coruña o pasado cun exitoso concerto baixo a batuta do célebre director venezolano Gustavo Duadamel. Despois do concerto de Betanzos, a próxima cita será o 20 de xuño en Vigo, no escenario do Centro Cultural Novacaixagalicia, onde Antonio Florio se porá á fronte da Capella della Pietà de Turchini. A venda anticipada de entradas para este concerto, que se presenta baixo o título Anxos e demos: a ópera bufa e seria nos teatros napolitanos do século XVIII, está dispoñible na web www.servinova.com.

Antonio Florio e a súa laureada orquestra barroca, que interpreta instrumentos orixinais da época, chegan deste xeito a Galicia cun espectáculo que ofrece un percorrido pola historia da ópera napolitana, co seu reparto de personaxes cómicos e serios, actores, castrati e prime donne reunido nun vertixinoso remuíño de arias e concertos. A soprano Valentina Varriale e o tenor Guiseppe de Vittorio acompañaranos na interpretación dun programa integrado por composicións dalgunhas das figuras máis destacadas da música europea do século XVIII, como Domenico Scarlatti, Leonardo Vinci, Nicola Fiorenza ou Niccolò Piccini.

 

  • whatsapp