O titular da Xunta pronunciou, hoxe, un relatorio no marco do xantar-coloquio Galicia na saída da crise: investimento e confianza para un novo impulso, organizado pola Asociación para o Progreso da Dirección (APD)

Feijóo anuncia a ampliación da colaboración entre a Xunta e Pemex, que solicitará ofertas económicas a Navantia e a outros estaleiros galegos para a construción de dous quimiqueiros

Afirma que se ben hai sete anos que Navantia arrastra os problemas de non ter novos pedidos e se desaproveitaron mellores condicións económicas que as actuais, “estamos no camiño de que este sexa, desde entón, o momento máis cercano para que o estaleiro público inicie unha carga de traballo concreta con dous quimiqueiros”

Destaca que ás enormes capacidades do sector naval galego, tense unido o compromiso “dun goberno que traballou e seguirá traballando para que ese interese se transforme en proxectos concretos”

Do mesmo xeito que xa se ten constatado a disposición dos concellos a selar alianzas entre si, avanza que esta mesma semana “tamén imos asinar un protocolo entre as deputacións e a Xunta”

Di que este tempo de estreiteces serviu para darnos conta de que existen ineficiencias, duplicidades, excesos que hai que abordar e celebra que Galicia se teña anticipado “porque iso tennos permitido estar nunha posición máis avantaxada para cando toda a nación española estea en condicións de ubicarse na saída da crise”

“Estamos a lograr que en plena crise económica o noso Estado do Benestar sexa máis completo que en tempos de bonanza económica”, subliña

Destaca os avances para que as demandas do sector pesqueiro se inclúan na futura reforma europea e para que a Unión acepte de forma definitiva un novo sistema de tax lease para o naval

Manifesta o seu optimismo no eido das enerxías renovables: “para lograr que o sector eólico galego poida manter o seu liderado baseado en parques eficientes, e para que poidamos lograr un sistema que blinde tamén o desenvolvemento do sector da biomasa e do biogás, dos cales o Goberno central se vai a pronunciar antes da primeira quincena de xullo”

Expresa o desexo de que estes froitos que pouco a pouco se están comezando a recoller en Galicia despois de tres anos longos de esforzos, sirvan para confiar tamén no camiño, “difícil pero seguro”, que se está comezando a andar a nivel nacional

Santiago, 19 de xuño de 2012.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou, hoxe, a ampliación da colaboración entre a Xunta e Pemex, que solicitará ofertas económicas a Navantia e a outros estaleiros galegos para a construción de dous quimiqueiros que suporán un investimento “importantísimo”. “É dicir, esperanza para que as instalacións navais de Ferrolterra, ademais dun pasado interesante, teñan tamén fundadas expectativas de futuro”, aseverou.

O titular da Xunta, que este mediodía pronunciou un relatorio no marco do xantar-coloquio Galicia na saída da crise: investimento e confianza para un novo impulso, organizado pola Asociación para o Progreso da Dirección, afirmou que se ben hai sete anos que Navantia arrastra os problemas de non ter novos pedidos e se desaproveitaron mellores condicións económicas que as actuais, “estamos no camiño de que este sexa, desde entón, o momento máis cercano para que o estaleiro público inicie unha carga de traballo concreta con dous quimiqueiros”.

Feijóo subliñou que ás enormes capacidades do sector naval galego, “que atraeron o interese dunha das catro petroleiras máis importantes do mundo”, tense unido tamén o compromiso “dun goberno que traballou e seguirá traballando para que ese interese se transforme en proxectos concretos, en pedidos concretos, e na convicción de que esta terra pode ser un lugar seguro e confiable para investir nela”.

“Grazas a iso, temos materializado un acordo con Pemex para desenvolver 7 remolcadores exclusivamente en estaleiros galegos, outros 7 onde as pezas dos remolcadores se farán aquí e tan só se ensamblarán en México e a posibilidade de adquirir un flotel, é dicir, esperanza de investimento de máis de 250 millóns de euros e sobre todo de emprego, con máis de 2,6 millóns de horas de traballo que poderían derivar en 2.500 postos de traballo. Grazas a iso, tamén o Porto Exterior de Punta Langosteira pode converterse en base loxística da petroleira en Europa, é dicir, esperanza para revitalizar o papel de Galicia como referente portuario da fachada atlántica europea. E grazas a iso, podemos anunciar, hoxe, a ampliación do convenio firmado entre a Xunta e Pemex”, salientou.

Os froitos dunha política económica rigorosa
Ao longo da súa intervención, o responsable do Goberno galego, asegurou que a alianza estratéxica coa petroleira mexicana, ademais de ser unha gran oportunidade para o futuro da nosa economía e unha mensaxe internacional que pode abrirnos máis portas, é tamén un dos froitos que Galicia pode recoller por ter practicado unha política económica rigorosa nos últimos tres anos e medio.

Neste contexto, afirmou que para poder recuperar a confianza internacional, é preciso que antes recuperemos a confianza en nós mesmos. E lembrou que a Xunta confiou desde o primeiro momento nas posibilidades de todos os galegos para mellorar o país no que viven e, ao máximo posible, tratou e trata de potenciar esas capacidades: “de xeito directo, abrindo todas as canles que poidan significar riqueza e emprego, como demostra este acordo estratéxico coa primeira empresa de América Latina; pero, tamén, de xeito indirecto, tentando crear as condicións óptimas para que Galicia sexa unha comunidade responsable, cunhas contas ordenadas e capaz de contribuír á recuperación económica de España”.

En relación a este último aspecto, e a modo de exemplos, recordou que, hoxe, a austeridade, que reduce estruturas e custos, “está totalmente asentada no noso país”. “Hoxe, -engadiu- rexémonos pola Lei de Disciplina Orzamentaria, que blinda principios tan básicos como non gastar máis do que temos. Sabemos que existen fórmulas como o catálogo priorizado de medicamentos, que produciu no ano 2011 un aforro diario de 300.000 euros e un aforro consolidado de 102 millóns durante ese ano. E, do mesmo xeito que xa temos constatado a disposición dos concellos a selar alianzas entre si, esta mesma semana tamén imos asinar un protocolo entre as deputacións e a Xunta”.

Un Estado do Benestar máis completo que en tempos de bonanza económica
Feijóo aseverou que, en definitiva, este tempo de estreiteces serviu para darnos conta de que existen innumerables ineficiencias, duplicidades, excesos que hai que abordar e celebrou que Galicia se teña anticipado na detección de moitos deles “porque iso tennos permitido estar nunha posición máis avantaxada para cando toda a nación española estea en condicións de ubicarse na saída da crise”.

Neste senso, recordou que existen probas disto: “moverse na estabilidade orzamentaria nos últimos tres anos, permítenos dicir que, dos 18.000 millóns de desvío do déficit que as autonomías teñen que corrixir este 2012, a Galicia lle corresponde o 0,3%, é dicir, 69 millóns. Ter unhas contas saneadas permítenos ter un potencial de aforro de 187 millóns de euros cada ano nos intereses da débeda pública. Galicia non necesitou acudir aos instrumentos que o Goberno central puxo a disposición das autonomías para pagar aos seus provedores. E, tampouco tivemos que tocar o soldo dos funcionarios e estamos a lograr que en plena crise económica o noso Estado do Benestar sexa máis completo que en tempos de bonanza económica”.

Así mesmo, resaltou que mentres hai comunidades que viron rebaixada a súa solvencia ao nivel dos bonos lixo, desde fai tempo, e que teñen enormes dificultades para colocar a súa débeda, Galicia, a data de hoxe, ten o 50 por cento da súa débeda colocada para o ano 2012.

“En Galicia contamos con máis educación pública, ao incorporar máis de 30.000 ordenadores con fondos públicos e máis de 35.000 alumnos estudando unha materia, ademais do idioma, en inglés; contamos con máis sanidade pública, grazas ao impulso de cinco grandes infraestruturas hospitalarias nesta lexislatura; e estamos con máis servizos sociais públicos, ao levar nesta lexislatura 5.500 novas prazas públicas de centros de día, de escolas infantís ou de residencias de maiores”.

O presidente da Xunta subliñou que xestionar con rigor e con responsabilidade é o que permitiu a Galicia poder asinar co Estado, “o maior plan de innovación sanitaria da nosa historia”, con 90 millóns de euros, ou un importante paquete de investimentos para o medio rural, con 170 millóns.

Apoio aos sectores produtivos
“E xestionar con rigor e con responsabilidade é o que nos permite estar en condicións de apoiar aos nosos sectores produtivos: tanto do que depende da Xunta (sector industrial: Lei de Política Industrial ou Plan de apoio á Automoción; sector agrario: Plan estratéxico do Sector Lácteo, Lei de mobilidade de Terras, a primeira Lei de Montes de Galicia; sector pesqueiro: Lei de Pesca, Estratexia de Acuicultura) como traballando co Goberno central para que atenda aos sectores prioritarios para Galicia”.

No tocante a este segundo punto, Feijóo destacou os avances para que as demandas do sector pesqueiro se inclúan na futura reforma europea e para que a Unión acepte de forma definitiva un novo sistema de tax lease para o naval. E manifestou o seu optimismo no eido das enerxías renovables, nun dobre sentido: “tanto para lograr que o sector eólico galego poida manter o seu liderado baseado en parques eficientes, como para que poidamos lograr un sistema que blinde tamén o desenvolvemento do sector da biomasa e do biogás, tan importante para Galicia, dos cales o Goberno se vai a pronunciar antes da primeira quincena de xullo”.

Así mesmo, xestionar con rigor e con responsabilidade é o que nos permite, segundo Feijóo, contar cos recursos necesarios para facer máis competitiva a nosa economía, cunha aposta decidida pola innovación –Plan I2C, Lei de innovación ou Plan Interconecta- e a internacionalización, como demostra o feito de ter multiplicado por catro o presuposto de apoio ás empresas para exportar, a pesar da crise económica.

Cooperación, solidariedade, unidade
Feijóo concluíu a súa intervención, expresando o seu desexo de que estes froitos que pouco a pouco se están comezando a recoller en Galicia despois de tres anos longos de esforzos, sirvan para confiar tamén no camiño, “difícil pero seguro”, que se está comezando a andar a nivel nacional.

Para poder afrontar a crise de forma completa, o responsable autonómico explicou que é preciso que todas as enerxías individuais converxan nunha colectiva. “Aínda que en maior ou menor medida, a crise afecta a todos e, por tanto, require a participación e a xenerosidade de todos para que saiamos beneficiados todos. Formamos un país que se fai máis pequeno cando se divide, e se engrandece cando se agrupa. Facer de Galicia e de España unha tarefa común deixa de ser unha opción para converterse nunha obriga urxente”, sentenciou, ao que lembrou as palabras do presidente Fraga: “xuntos imos a máis”.

“Cooperación. Solidariedade. Unidade. Os cidadáns nos esixen unha cousa fundamental para comezar a trazar o futuro: unha nova conciencia social. Esa transición de mentalidades que veño defendendo desde hai tempo reivindica conceptos esquecidos como ben común, interese xeral, xenerosidade. Significa atopar puntos de encontro en cada dificultade e en cada reto que apareza no camiño. Significa ser activistas contra as dificultades, e non activistas contra as solucións”, rematou.
 

Imaxes relacionadas