Un total de 13 grandes empresas galegas únense para fomentar a responsabilidade social empresarial e tutelar a pemes

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, presidiu hoxe a creación do “grupo de representación empresarial galego” en materia de RSE, que foi impulsado por este departamento autonómico

Esta iniciativa inscríbese na aposta da Xunta por un “novo modelo de empresa máis ética, máis transparente e máis sensibilizada” co contorno

É a primeira vez, a nivel galego e estatal, que grandes empresas vaian tutelar a pemes en materia de RSE

Neste eido, tamén se ten elaborado, no seo do diálogo social, o Plan estratéxico galego de responsabilidade social empresarial 2012-2014, que contén un total de 50 medidas concretas
 

Santiago, 2 de xullo de 2012.- Un total de 13 grandes empresas galegas veñen de constituír un “grupo de representación” en materia de Responsabilidade social empresarial (RSE) co fin de impulsar un “novo modelo de negocio máis ético, máis transparente e máis sensibilizado co contorno”. Entre outros obxectivos, este grupo encargarase de tutelar a pemes galegas para axudalas a avanzar neste eido.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, presidiu hoxe a creación deste grupo de representación empresarial, que foi impulsado por este departamento autonómico. O convenio de adhesión foi firmado por: Blusens, Congalsa, Feiraco, Gadisa, Grupo Calvo, Grupo Ingapan, Grupo Puentes, Hijos de Rivera S.A., Inditex, Martín Códax, Pescanova, R Cable e Telecomunicación S.A., e Vegalsa-Eroski.

“Coa sinatura deste acordo, estamos a dar un paso adiante cara á consolidación da RSE na nosa Comunidade autónoma”, explicou a titular do departamento autonómico, quen precisou que esta fórmula “busca compatibilizar o obxectivo do éxito empresarial coa xeración de beneficios para o conxunto da sociedade, uns beneficios que afectan de forma especial ao entorno onde se asentan as empresas”.

Este grupo de representación conta co apoio da Comisión Europea e do Fondo Social Europeo, e pretende posicionar ás empresas como referente en materia de RSE. Trátase dunha iniciativa “pioneira”, tanto en Galicia como no Estado, xa que é a primeira vez que se inclúen medidas como a tutela das grandes empresas ás pemes; e, derivado desa tutela, o desenvolvemento de axendas de traballo comúns adaptadas á realidades das pequenas e medianas empresas.

A actividade deste grupo desenvolverase a través de encontros de traballo, nos que compartirán as súas experiencias en materia de RSE, e “aprenderán as unhas das outras, aplicando posteriormente as conclusións á realidade específica de cada empresa”.

Paralelamente á celebración destes encontros, cada unhas das 13 empresas deste grupo poderán axudar a que dúas pemes inicien o seu camiño na RSE. Con esta iniciativa, as pequenas e medianas empresas poderán formarse nesta materia, e contar con ferramentas simples e prácticas, adaptadas doutras máis complexas que empregan as grandes empresas. Isto contribuirá a superar as barreiras que impiden a moitas pemes desenvolver a RSE.

Este proceso de tutela permitirá, ao mesmo tempo, a creación dunha axenda de traballo común na que se incluirán os asuntos que ambas partes consideren como prioritarios á hora de implantar a RSE, e identificará accións concretas que cómpre resolver para posicionarse e diferenciarse “nun mercado cada vez máis competitivo”.

Mato destacou a importancia desta iniciativa dado que “se ben desde a Administración apoiamos e promovemos a xestión socialmente responsable, son as propias empresas as que finalmente teñen que liderar o desenvolvemento da RSE”.

Desde o Goberno galego, pola súa banda, estase a tomar medidas efectivas para dar impulso á RSE. De feito, este é o obxectivo principal do Plan estratéxico galego de Responsabilidade Social Empresarial 2012-2014. Trátase dun documento consensuado nas mesas do diálogo social, e que contempla máis de 50 medidas concretas. Constitúe unha folla de ruta das políticas da Administración autonómica na materia, e supón unha “aposta integral para a mellora das nosas empresas e para o reforzo da súa competitividade”.

Por último, Mato agradeceu o compromiso que están a demostrar estas 13 empresas, así como a súa “aposta voluntaria por unha xestión empresarial ética e sustentable”.
 

Imaxes relacionadas