Bravo Bosch gabou hoxe a calidade dos areais de Nigrán e Baiona no izado da bandeira azul outorgada a Praia América

A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, e o alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, izaron hoxe a bandeira azul

Un total de 5 areais pertencentes ao Val Miñor e que corresponden ás praias de Os Frades, Santa Marta e A Barbeira en Baiona; e Patos e Praia América, en Nigrán, recibiron este ano o galardón
 

Nigrán, 04 de xullo de 2012
Compartir
  • whatsapp

A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, asistiu esta mañá ao izado da bandeira azul outorgada a Praia América, en Nigrán, pola Asociación da Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC).

Xunto ao alcalde do municipio, Alberto Valverde, e o representante de ADEAC, José Palacios, a delegada da Xunta lembrou que, este ano, o Concello de Nigrán recibiu dúas bandeiras azuis para os areais de Praia América e Patos e, neste senso, deu a noraboa ao goberno local e aos veciños do municipio pola súa boa xestión e coidado dos areais para recibir este galardón, que supón o distintivo de calidade máis importante. Así, destacou a calidade das súas augas, pero tamén os servizos que ofrecen, as infraestruturas ou o coidado medioambiental.

Bravo Bosch estendeu así a súa noraboa a todo o Val Miñor xa que, entre os concellos de Baiona e Nigrán, foron un total de 5 praias as que obtiveron dito recoñecemento sinalando que os areais de Os Frades, Santa Marta e A Barbeira en Baiona; e Patos e Praia América, en Nigrán, foron os que recibiron este ano o galardón. Ademais, no caso do municipio nigranés, destacou a intención e o reto do Concello por ampliar o seu número de bandeiras azuis solicitando tamén o distintivo para os areais de Panxón e Area Fofa que, nesta ocasión, non puideron recibir pero que, de seguro, obterá para os vindeiros anos.

Por último, destacou que Galicia gaña este ano 9 bandeiras azuis con respecto ao ano 2011, manténdose líder no territorio español con 126 praias premiadas, 55 en areais da provincia. E no caso do ámbito da Delegación Territorial de Vigo, lembrou que son un total de 22 praias as que contan con bandeira azul certificando así a boa calidade e coidado que se ofrece ao medio ambiente e que ven avalado polo Xurado Internacional que outorga este distintivo e que está integrado pola ADEAC xunto á UNESCO e a Organización Mundial do Turismo.
 

Imaxes relacionadas