Ambas Administracións levan achegado preto de 200 millóns de euros para as obras de depuración das marxes dereita e esquerda da ría
O Goberno galego, o Executivo central e os concellos de Ferrol e Narón selan a súa colaboración para acadar a depuración das augas que verten á ría ferrolá
Os convenios asinados céntranse na realización de proxectos como un interceptor, nos tramos A Malata- A Gándara, A Gándara- Cadaval e Cadaval- Neda; e outro independente na Malata
A marxe dereita desta ría xa dispón dunha serie de actuacións executadas que suman un investimento de 108,5 millóns de euros: emisario terrestre A Malata- EDAR de Cabo Prioriño, cruce e impulsión da Malata, EDAR de Cabo Prioriño e emisario submarino de Cabo Prioriño
Na marxe esquerda da ría, a Consellería de Medio Ambiente está a executar os colectores xerais de Ares, Fene e Mugardos e a construción da EDAR de Punta Avarenta, proxectos cunha achega de 87,2 millóns de euros
O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, asinou hoxe os convenios de colaboración para o saneamento da Ría de Ferrol na súa marxe dereita, xunto co alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela; o alcalde de Narón, Xosé Manuel Blanco Suárez; e o director xeral da Auga, Juan Urbano López de Meneses.
Trátase da sinatura dun convenio para a construción e explotación da actuación "interceptores xerais da marxe dereita da ría de Ferrol"; un protocolo para o desenvolvemento da actuación de "interceptores xerais da marxe dereita da ría de Ferrol: tramo Cadaval – Neda”; e protocolo para o desenvolvemento da actuación “Colector Interceptor da Malata”.
Os proxectos detallados en cada acordo de colaboración asinado hoxe suman un investimento total de 60,6 millóns de euros. Con estas actuacións acadarase a depuración das augas residuais que verten á ría ferrolá, mellorando así a calidade de vida de preto de 125.000 habitantes dos concellos coruñeses de Ferrol e Narón.
Interceptores xerais (tramos I e II)
Na marxe dereita da ría de Ferrol, queda pendente executar o interceptor xeral no tramo I (A Malata- A Gándara) e no tramo II (A Gándara- Cadaval) cuxo investimento total ascende a 37,6 millóns de euros, dos que a Xunta aporta 3,7 millóns. Estas obras están enmarcadas no convenio entre Augas de Galicia, os concellos de Ferrol e Narón e a Sociedad Estatal Aguas De las Cuencas del Norte, S.A. para a construción e explotación da actuación de interceptores xerais da marxe dereita da ría de Ferrol.
As obras que está previsto contemple esta actuación permitirán a posta en servizo da EDAR de Cabo Prioriño son as seguintes:
• Rehabilitación ou substitución do interceptor xeral existente, en función do estado de conservación e a capacidade hidráulica.
• Execución de colectores que permitan recoller a rede secundaria de colectores e reconducila ás estruturas de regulación, previamente á súa conexión ao interceptor xeral.
• Execución de estruturas de regulación que permitan xestionar as augas residuais en tempo de chuvia, garantindo a recirculación á EDAR dos caudais a tratar
• Bombeos necesarios ao longo do trazado do interceptor xeral.
Interceptor (Cadaval- Neda)
Estas actuacións, cuxo investimento total é de 10,17 millóns de euros, conforman o protocolo entre o Concello de Narón, Acuanorte, Augas de Galicia e Xunta. Estas obras dan continuidade ás citadas anteriormente, xa que se trata do tramo III, que vai de Cadaval a Neda.
A execución deste proxecto suporá a construción da rede de interceptores xerais da marxe dereita da ría ferrolá que transporten as augas residuais á EDAR Cabo Prioriño, alcanzando os seguintes obxectivos:
• Completar o esquema de saneamento da marxe dereita da Ría de Ferrol
• Poñer en valor as distintas obras xa executadas: EDAR Cabo Prioriño e emisario submarino, emisario terrestre, cruce e impulsión de A Malata
• Dispor as infraestruturas de regulación que permitirán cumprir cos parámetros de calidade do medio mariño fixados para a ría de Ferrol
Interceptor A Malata
Este proxecto está enmarcado no protocolo de colaboración entre o Concello de Ferrol e Augas de Galicia. Para a execución destas obras será preciso un orzamento de 12,9 millóns de euros que serán aboados na súa totalidade pola Xunta de Galicia.
Durante o ano 2012, a Consellería de Medio Ambiente redactará o proxecto construtivo da obra obxecto do convenio, para que este poida ser licitado no ano 2013 e executado antes do fin do ano 2015. Augas de Galicia licitará, adxudicará e xestionará os contratos de obra e servizos de necesarios para a execución das obras incluídas no Protocolo de Colaboración, ata a súa terminación definitiva. Unha vez rematadas as obras e recibidas definitivamente, serán entregadas ao Concello que, a partir de tal momento, farase cargo, a tódolos efectos, das mesmas.
Outras actuacións na ría
Por unha parte, a marxe dereita da ría de Ferrol xa dispón dunha serie de actuacións executadas que suman un investimento total de 108,5 millóns de euros, dos que o Goberno galego achegou 14,4 millóns de euros. Trátase das seguintes infraestruturas hidráulicas: emisario terrestre A Malata- EDAR de Cabo Prioriño, cruce e impulsión da Malata, EDAR de Cabo Prioriño e emisario submarino de Cabo Prioriño.
Por outra parte, na marxe esquerda, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas está a executar os colectores xerais de Ares, Fene e Mugardos e a construción da EDAR de Punta Avarenta, proxectos nos que Augas de Galicia realiza un investimento de 87,2 millóns de euros. Prevese que estas accións, que mellorarán o sistema de saneamento na marxe esquerda da ría de Ferrol, estean rematadas a finais deste ano.