Feijóo é elixido vicepresidente do Comité das Rexións da Unión Europea

O presidente da Xunta de Galicia ocupará un cargo de responsabilidade no órgano de goberno desta asemblea dende o que continuará a defender os intereses de Galicia

O pleno elixiu o presidente da Comunidade Autónoma da Rexión de Murcia, Ramón Luis Valcárcel, novo presidente do Comité das Rexións, cargo que ostentará ata 2015

Bruxelas, 22 de xullo de 2012
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, foi elixido en Bruxelas vicepresidente do Comité das Rexións (CdR) da Unión Europea durante a 96ª sesión plenaria deste órgano, na que o presidente da Comunidade Autónoma da Rexión de Murcia, Ramón Luis Valcárcel, foi nomeado novo presidente para os próximos dous anos e medio. Deste xeito, Feijóo ostentará un cargo de responsabilidade no órgano consultivo desta asemblea dende o que continuará a defender os intereses de Galicia.

No decurso do Pleno, os membros do CdR escolleron os dirixentes que estarán á fronte deste organismo durante os próximos dous anos e medio que faltan para completar a actual lexislatura iniciada en 2010. Valcárcel, que exerceu como vicepresidente primeiro deste organismo durante a primeira metade do mandato actual, ocupará a presidencia ata 2015 sucedendo no cargo á presidenta da rexión de Piamonte (Italia), Mercedes Bresso, que exercerá como vicepresidenta primeira. Ambos mandatarios alternarán os cargos en virtude dun acordo establecido entre o Partido Popular Europeo (PPE) e o Partido Socialista Europeo (PSE).

Ademais do presidente e vicepresidenta primeira, nesta sesión foron elixidos tamén os 27 vicepresidentes do Comité –un por cada Estado membro-, o resto dos membros do órgano de goberno e os presidentes dos grupos políticos. O presidente da Xunta ocupará o cargo de vicepresidente en representación de España e formará parte da Mesa do CdR, órgano de goberno desta asemblea política.

Tras ser nomeado presidente electo do Comité das Rexións, cargo que se fará efectivo no mes de agosto, Valcárcel expuxo as principais liñas de actuación que figuran no seu programa de goberno e que se centran na contribución local e rexional á consecución dos obxectivos recollidos na estratexia de crecemento da UE “Europa 2020”. O novo presidente subliñou que as autoridades locais e rexionais deberían ser “os verdadeiros actores do cambio sobre o terreo” e lembrou o importante papel que deben xogar na posta en marcha das medidas establecidas no Pacto polo crecemento e o emprego aprobado en xuño polo Consello Europeo, que mobilizará 120.000 millóns de euros para investimentos inmediatos.

Neste sentido, amosou o seu compromiso por achegar ás autoridades locais e rexionais as oportunidades de financiamento que ofrecen os diferentes programas comunitarios e expresou a súa intención de organizar unha conferencia anual sobre financiamento público e privado.

Por outra banda, os membros do Comité tiveron a oportunidade de debater co Presidente do Banco Europeo de Inversións (BEI), Werner Hoyer, sobre como reforzar o papel desta entidade á hora de apoiar as economías locais a superar a crise. Así, analizouse como ambas institucións poden traballar xuntas para aumentar a calidade dos proxectos de desenvolvemento e o xeito en que o BEI pode intervir para garantir o mantemento do cofinanciamento dos programas operativos con cargo aos Fondos Estruturais 2014-2020.

No Pleno debatéronse diversos ditames entre os que figura o relativo á proposta de regulamento sobre cooperación territorial europea, publicada pola Comisión Europea o pasado mes de outubro, que avoga por fomentar en maior medida a coordinación transfronteiriza en diferentes áreas como o transporte, o mercado de traballo ou a I+D, poñendo en marcha estratexias integradas. Para acadar este obxectivo propón aproveitar o potencial das Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial (AECT) e das Eurorrexións.

Durante o proceso de aprobación deste ditame, Galicia defendeu o valor engadido que representa a cooperación territorial para avanzar na senda da cohesión europea e reducir os desequilibrios económicos, sociais e territoriais que aínda existen entre as rexións que forman parte da Unión Europea. Neste sentido, púxose como exemplo o traballo que se vén desenvolvendo dende 1991 na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, considerada como un exemplo dos beneficios que supón a cooperación transfronteiriza.

Comité das Rexións
O Comité das Rexións é a asemblea consultiva comunitaria na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. Está composto por 344 membros, 21 dos cales son españois. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. Na actualidade Galicia participa en dúas das seis comisións do Comité das Rexións: na de Cidadanía, Gobernanza, Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) e na de Cohesión Territorial (COTER).