O presidente da Xunta, acompañado pola conselleira do Medio Rural e do Mar e da delegada da Xunta en Lugo, visitou as obras do peirao de Mirasol que supuxeron un investimento de máis de 2,2 millóns de euros

Feijóo asegura que a ampliación do porto de Ribadeo converterao “nun porto máis potente desde o punto de vista económico, mellor preparado e con máis infraestruturas”

Salienta que a nova infraestrutura “instala e duplica o porto comercial” e manifesta “a aposta do Goberno Autonómico polo emprego, pola economía produtiva e por Ribadeo”

Insiste na importancia da internacionalización da economía e fai un chamamento “a aqueles que poidan ter interese en investir en Galicia”

“Imos ser aliados de todos os inversores na Comunidade Autónoma”. ”É o momento de facer infraestruturas que movan a economía, que melloren a competitividade e que xeren postos de traballo”, asegura
 

Ribadeo (Lugo), 27 de xullo de 2012
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou hoxe en Ribadeo que a ampliación do peirao de Mirasol “facilitará o acceso dos barcos e dos buques de atraque e para duplicar as capacidades deste porto” e o converterá “nun porto máis potente desde o punto de vista económico, nun porto mellor preparado con máis infraestruturas e nun porto con máis capacidade de carga e descarga que é o seu obxectivo fundamental”. O ente Portos de Galicia foi o encargado de acometer a actuación que consistiu, por unha banda, no ensanchamento do peirao do extremo norte de Mirasol e, doutra banda, na dragaxe da canle de navegación do acceso ao peirao comercial.

A nova infraestrutura “instala e duplica unha empresa que é o porto comercial”. Así, o presidente manifestou, en consecuencia, “a aposta do Goberno Autonómico polo emprego, pola economía produtiva e por Ribadeo, que xunto con Viveiro e Burela constitúen tres portos fundamentais na cornisa cantábrica”. Feijóo eloxiou ao Concello da Mariña lucense “coñecido polo seu turismo, coñecido polos seus servizos, coñecida polo seu comercio”. “Espero que a partir de hoxe sexa máis coñecida tamén por unha instalación portuaria comercial”, engadiu.

Coa finalización das obras –que supuxeron un investimento de máis de 2,2 millóns de euros- “presentamos unha execución que cumpre os prazos e os presupostos e unha execución impecable dunha obra que consistía en facer cousas que se ven e outras cousas que non se ven como é o dragado e todo o interior desta anchura do dique que permite case duplicar a capacidade de atraque deste porto comercial”.

O porto de Ribadeo acadou o ano pasado un tráfico de 500.000 toneladas das cales 450.000 foron de pasta de papel e o resto doutras mercadorías como son a madeira en bruto, magnesita, taboleiros, areas naturais e abonos. O xefe do Goberno galego incidiu na importancia desta ampliación para afondar na relación coa empresa Ence e evidenciou a necesidade que existía para “chegar a un acordo con esta empresa usuaria do porto e establecer un mecanismo de coordinación”. Nesta liña, recalcou que hoxe en día “Ence ten unha capacidade de instalación, movemento de mercadorías e atraque duplicada”.

O presidente aproveitou a ocasión para insistir na importancia da internacionalización da economía aseverando que “somos conscientes de que estamos facendo un bo servizo para aqueles que están instalados en Galicia, pero quero facer un chamamento para aqueles que poidan ter interese en investir en Galicia”. “Imos ser aliados de todos os inversores na Comunidade Autónoma, é o momento de facer infraestruturas que movan a economía, que melloren a competitividade e que xeren postos de traballo”, cominou.

No seu discurso, o responsable da Xunta situou “o obxectivo de toda administración pública” no mantemento de “servizos públicos esenciais, así como establecer e estimular políticas de crecemento económico”. Feijóo advertiu que “nos momentos de extraordinaria dificultade que estamos a vivir temos que priorizar”. “Gobernar e sempre priorizar”, matizou.

Na presentación da ampliación do porto, o presidente asegurou que “hoxe entregamos unha infraestrutura que é unha priorización das políticas portuarias da xunta de Galicia” xa que “Ribadeo é sen dúbida un porto comercial importante dentro do sistema portuario galego”. O mandatario galego anunciou que “nos próximos días porase outro porto a disposición do sistema portuario galego que é o porto de Brens no Concello de Cee, na Costa da Morte”. Feijóo valorou ambos os dous portos, como “dúas infraestruturas fundamentais para o tráfico de mercadorías, para a actividade económica e para a actividade social, tanto da Costa da Morte como da Mariña lucense”.

Autovía do Cantábrico
O presidente da Xunta lembrou na súa comparecencia que “a Autovía do Cantábrico e a autovía máis importante que tivo Galicia nunca, máis importante que as autovías coa meseta, máis importante que a autovía entre A Coruña e Madrid e máis importante que a autovía entre Vigo e Madrid”. “Esta autovía sitúanos preto das importantes cidades do norte de España e é o eixo vertebrador de boa parte de Galicia con Asturias, con Cantabria, con Euskadi e co sur de Francia”. Feijóo salientou que “se esta autovía estivera feita desde fai tempo toda esta zona da cornisa cantábrica tería un incremento do seu PIB, un incremento do seu turismo, un incremento das mercadorías e un incremento das relacións comerciais económicas e industriais de todo o norte de España”.

O presidente expresou o seu desexo para que o impulso definitivo a esta autovía “se poida ver concretado e completado para que Galicia poida competir en termos de igualdade con outras comunidades que teñen os seus eixos vertebradores finalizados desde fai lustros”.

Importancia do tráfico marítimo
Na conclusión do seu relatorio, o titular da Xunta fixo fincapé na importancia do tráfico marítimo e recordou a relevancia da situación actual, “a poucos meses da apertura do gran Canal de Panamá que, en consecuencia, fará que se incrementen as posibilidades de comunicación entre Europa, América e Asia e que o tráfico aeroportuario poida ter un incremento na mercadoría e nos seus volumes”. “O mar é sen dúbida, a gran infraestrutura que temos que utilizar, unha infraestrutura que non temos que mellorar e que pode levar, a través da enxeñería naval dos estaleiros de Galicia e de Asturias, calquera tipo de mercadoría”, abondou.

Por último, Feijóo destacou a importancia da iniciativa da Liña de Turismo Verde que comporta unha liña ferroviaria para Galicia e Asturias e valorou sector turístico como “a industria máis limpa que existe e que supón 100.000 empregos na Comunidade Autónoma e representa o 11% do PIB de Galicia”.

 

Imaxes relacionadas