Xunta de Galicia
Xacobeo 2021

Cultura e Educación apoia a presenza do audiovisual galego e promove acordos de coprodución internacional no Festival de Cine de San Sebastián

“Los increíbles” e “Operación E" competirán, respectivamente, nas seccións Nuevos Directores e Zabaltegi da 60ª edición do encontro, que se desenvolve do 21 ao 29 de setembro na capital guipuscoana

Un total de 12 empresas galegas participarán nun encontro con produtores brasileiros e no Foro de Coprodución Europa-América

A Agadic organizará unha recepción para a prensa especializada e os profesionais acreditados, co cine galego como protagonista

  • Imaxe do filme Operación E

Santiago, 10 de setembro de 2012.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria estará presente na 60ª edición do Festival Internacional de Cine de San Sebastián para apoiar as producións galegas Los increíbles e Operación E, seleccionadas respectivamente para competir nas prestixiosas seccións Nuevos Directores e Zabaltegi, paralelas á Sección Oficial.

A través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) e co apoio do IGAPE (Instituto Galego de Promoción Económica), Cultura e Educación organizará con este fin unha recepción para a prensa especializada e os profesionais acreditados no festival, o único de clase A de todos os que se celebran en España. O acto terá lugar o luns 24 de setembro na sede principal do Kursaal e, como nas anteriores actividades de promoción internacional do cine galego, contará tamén coa colaboración da D.O. Ribeiro.

Encontro profesional Galicia-Brasil
A Agadic promove, ademais, o desprazamento á capital guipuscoana dunha delegación galega, integrada polos representantes dun total de 12 empresas, para participar nun encontro con produtores brasileiros. Esta xuntanza ten como finalidade avanzar nos proxectos que se presentarán ao Fondo de Coprodución Galicia-Brasil, cuxa convocatoria está inicialmente prevista para primeiros do ano 2013. Ao tempo, os produtores galegos terán a oportunidade de participar no Foro de Coprodución Europa-América Latina, que organiza o propio Festival de Cine de San Sebastián.

A primeira das películas galegas a concurso nesta edición do festival donostiarra, Los Increíbles, é unha longametraxe documental coproducida pola empresa galega Frida Films e a catalá Salto de Eje. Escrita e dirixida por David Valero, ofrece un percorrido polo día a día de tres heroes cotiáns (A Dama de Ferro, Á Rota e A Muller Radioactiva), tres persoas que sofren as adversidades da vida e que loitan contra os máis terribles inimigos: a morte, o desamor e a soidade. Los increíbles opta ao Premio Kutxa-Nuevos Directores, dotado con 90.000 euros, nunha sección internacional na que compiten primeiras ou segundas obras dos seus directores, todas elas exemplo da produción cinematográfica mundial máis recente e inédita.

Pola súa banda, Operación E é unha coprodución hispano-francesa, na que a empresa galega ZircoZine participa xunto con Tormenta Films e Ajoz Films, e que conta coa colaboración de TVE, Canal + Francia e o apoio do ICAA (Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales). O filme está dirixido polo hispano-francés Miguel Courtois Paternina, realizador de GAL e Lobo, de novo cun guión asinado por Antonio Onetti. O protagonista é o actor galego Luís Tosar, quen da vida a un campesiño colombiano nun papel novidoso dentro da súa filmografía. Acompáñano no elenco a actriz colombiana Martina García e o tamén galego Farruco Castromán, entre outros.

MIPCOM e Ventana Sur
A promoción e a internacionalización do audiovisual galego continúa a ser unha das prioridades da política cultural da Xunta de Galicia que, a través da Agadic, estará tamén presente noutras destacadas citas internacionais que terán lugar nos vindeiros meses: MIPCOM de Cannes, o mercado de referencia a nivel mundial en canto a contidos audiovisuais, e no encontro Ventana Sur de Bos Aires, o máis importante foro de compra-venda de produto cinematográfico de América Latina.

Ademais, o cine galego contará con representación no Festival Internacional de Cine Fantástico de Sitges a través da película Invasor, da produtora Vaca Films, seleccionada dentro da sección oficial.