Xunta e TSXG analizan o desenvolvemento do operativo que se porá en marcha para acoller o xuízo do Prestige

O Goberno galego dotará dos medios materiais e tecnolóxicos precisos á Administración de Xustiza para o correcto desenvolvemento do proceso

O conselleiro de Presidencia e o presidente do TSXG coñeceron in situ o espazo que albergará o xuízo en Expocoruña a partires do 16 de outubro

Santiago, 12 de setembro de 2012
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas, presidiron hoxe unha reunión da Comisión mixta entre Xunta e TSXG, na que se analizou, entre outros asuntos, o desenvolvemento do operativo que se vai poñer en en marcha para acoller o xuízo do Prestige, que se iniciará o vindeiro 16 de outubro na Coruña.

Tras a comisión, Rueda e Cadenas se desprazaron ao recinto de Expocoruña, que albergará o desenvolvemento do xuízo, onde puideron coñecer in situ os detalles do dispositivo que vai habilitar a Xunta, dentro das súa competencia de dotar á Administración de Xustiza dos medios materiais que precisa. Estiveron acompañados da directora da Axencia de Modernización de Galicia, Mar Pereira; do director xeral de Xustiza, Juan José Martín, e da delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo.

Entre outros elementos, haberá unha sala de vistas cunha superficie de máis de 450 metros cadrados, nos que se habilitará un estrado de 200 metros cadrados no que haberá mobiliario para o tribunal, os avogados e procuradores e os peritos, así como unha estantería para a instalación do expediente. Tamén haberá máis de 200 asentos para o público e tres accesos diferenciados para o tribunal, as partes e o público.

A sala contará co equipamento tecnolóxico necesario para a celebración do xuízo, incluíndo altofalantes, cámaras de vídeo, micrófonos, pantallas e sistemas de videoconferencia. Ademais, dispón dun sistema de gravación de vistas e tras completarse a dixitalización do expediente o ano pasado, este estará dispoñible en formato electrónico para o xuízo.

Tamén haberá nove salas auxiliares para uso do tribunal, a secretaría do tribunal, a fiscalía, a Avogacía do Estado, os peritos, os letrados e os procuradores. Outras das partes esenciais será o servizo de tradución a catro idiomas (inglés, francés, grego e galego) e un servizo de vixilancia as 24 horas.

Así mesmo, está prevista a habilitación dunha sala de prensa anexa á sala de vistas, onde se instalarán mesas para os xornalistas e dúas pantallas de televisión para seguir o sinal do xuízo. Contarán tamén con conexión a Internet a través de wifi e con tomas de vídeo, que tamén serán accesibles dende a parte exterior do pavillón, que estará reservada para as unidades móbiles e para a realización de conexións en directo.
 

Imaxes relacionadas