A Dirección Xeral de Xustiza está a analizar o caso, xa que unha norma establece de forma regulada os baremos de compensación pola quenda de oficio
A Xunta de Galicia está a estudar a posibilidade de facer unha excepción, pola peculiaridade do proceso do ‘Prestige’, para aumentar os emolumentos do avogado de oficio do xefe de máquinas do petroleiro, Paulino Pérez Riveiro.
As retribucións da quenda de oficio vixentes están publicadas nunha Orde da Consellería de Presidencia, Administración Públicas e Xustiza (DOG do 10 de febreiro de 2012), onde se establecen de forma regulada os baremos de compensación económica da asistencia xurídica gratuíta. Neste caso concreto, estaríamos a falar dun “procedemento abreviado de especial complexidade (causa de máis de 1.000 folios)”, cuxa cantidade asignada é de 455,30 euros, tal e como se recolle na norma.
Así llo trasladou a Dirección Xeral de Xustiza ao letrado, despois de que este se puxera en contacto por carta co departamento para solicitar un aumento da retribución pola súa intervención como avogado de oficio. Desde a dirección xeral explicáronlle que sen unha modificación previa da norma non existe ningún instrumento legal para facer un pago adicional; e que noutras ocasións, por exemplo no proceso denominado Boquerón, foi o propio Colexio de Avogados o que complementou os emolumentos do letrado, situación que tamén podería producirse neste caso.
Non obstante, tendo en conta a especial complexidade deste proceso e co obxecto de evitar calquera tipo de retraso, desde a Administración autonómica estase estudando a posibilidade de facer unha excepción e xa se dirixiu ao tribunal para avanzarlle que está a traballar nunha posible solución.