Gustavo Pernas Cora gaña o Premio Álvaro Cunqueiro de textos teatrais convocado pola Consellería de Cultura e Educación

A vixésimo primeira edición deste galardón de referencia para a dramaturxia en galego recae na súa obra “Isobaras”, da que o xurado valora a fuxida dos convencionalismos formais e o coidado estilístico

Raúl Dans, con “Un mosquito de nome Henri”, obtén o X Barriga Verde de textos para teatro de monicreques na modalidade de rapaces

Declarouse deserto o VII Manuel María de literatura dramática infantil, así como a modalidade de textos para adultos do Barriga Verde
 

Santiago, 26 de novembro de 2012

Gustavo Pernas Cora, coa obra Isobaras, é o gañador do XXI Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. A concesión deste galardón, o máis lonxevo de todos os convocados no seu ámbito en Galicia e referencial para a dramaturxia en galego, foi comunicada hoxe canda a do X Barriga Verde de textos para teatro de monicreques na modalidade de obras para rapaces, que recaeu en Raúl Dans por Un mosquito de nome Henri.

Os nomes de ambos gañadores foron desvelados polo profesor Manuel F. Vieites, presidente do xurado da edición 2012 dos tres premios literarios convocados anualmente pola Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), quen fixo público o ditame do tribunal no que se recolle igualmente a decisión de declarar desertos tanto o VII Manuel María de Literatura Dramática Infantil como a modalidade de textos para adultos do Barriga Verde.

O director do Centro Dramático Galego (CDG), Manuel Guede Oliva, presidiu este acto de comunicación e entrega de premios en representación de Xesús Vázquez Abad, conselleiro en funcións de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Ambos galardóns implican unha dotación económica de 6.000 euros, ademais de contemplar a posibilidade de que as obras sexan publicadas dentro das coleccións de literatura dramática que a Agadic promove xunto a diferentes editoriais galegas.

Posta en valor e visibilidade
Estivo presente, así mesmo, Gustavo Pernas, quen agradeceu o galardón ao xurado –do que tamén formaron parte como vogais Paula Carballeira, Lola Correa, Celtia Figueiras, Xúlio Lago e Xesús Pisón–, ao tempo que reivindicou a importancia deste tipo de premios á hora de poñer en valor e de dar visibilidade ao traballo dos autores teatrais, así como de servir de estímulo para a creación dramática.

Aínda que Raúl Dans non puido asistir á entrega, remitiu unhas palabras de agradecemento, a través das que expresou o significado que para el tivo escribir este texto para rapaces. “A miña obra para adultos caracterízase por un inequívoco sentimento de fracaso e desesperanza, que tinxe as tramas e os personaxes de todos os meus textos. Un mosquito para Henri permitiume crear personaxes positivos, que superan os seus medos e conquistan os seus obxectivos”, manifestou o autor, quen asegura que con esta obra puido satisfacer o seu desexo de “escribir, por fin, un texto teatral cun final feliz e un amor correspondido”.

Guede Oliva foi o encargado de ofrecer un breve percorrido pola produción artística dos premiados, dous nomes de ampla e recoñecida traxectoria no ámbito da dramaturxia contemporánea galega e en galego. No caso do autor, actor e director teatral Gustavo Pernas Cora (Viveiro, 1959), o Álvaro Cunqueiro vén a ampliar a destacada listaxe de galardóns recibidos polos seus textos dramáticos, a meirande parte deles levados a escena por Ancora Produccións, a compañía que fundou con Anxela G. Abalo en 1989.

Un mapa do noso tempo
Respecto a Isobaras, que segundo o propio Pernas pretende ser “un mapa do noso tempo” no que os seus oito personaxes reflicten unha sociedade que está ao límite, o xurado valorou “o interese da súa aposta formal, que foxe de convencionalismos para explorar outras posibilidades de expresión artística a través de monólogos que acaban confluíndo en diálogos e de conflitos individuais que acaban sendo colectivos”, como é o caso da exclusión social, a crise económica, a ameaza da guerra, a soidade, o fracaso, a falta de comunicación e a falta de identificación nos demais.

O tribunal subliña a actualidade do texto que, porén, propón unha visión sen restricións espaciais ou temporais, así como unha posta en escena sobria e evocadora. Destaca, asemade, “o coidado estilístico e un certo lirismo que lles aporta matices e profundidade aos personaxes e ás anotacións, sen renunciar por iso á crueza descarnada da exposición desas individualidades cara ao público nin moito menos ao ritmo e ao sentido do humor, pezas chave para que se establezan pontes co espectador”.

Vinculado profesionalmente ao teatro desde 1985, Gustavo Pernas é tamén profesor de Guión e Teatro na Escola de Imaxe e Son da Coruña. Como autor dramático ten no seu haber o Premio Compostela por O galego, a mulata e o negro (1990), o María Casares de Teatro por Ladraremos (1996), o Rafael Dieste por Footing (2001) e Final de película (2006); o Max de las Artes Escénicas por Paso de cebra (2004) e Final de película; e o Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega por Medidas preventivas (2007). Ademais, en 2008 foi recoñecido co Premio Roberto Vidal Bolaño pola súa traxectoria artística xunto a Anxela G. Abalo e Ancora Produccións. Este ano 2012 estreou coa súa compañía a peza Snakizados, última proposta da triloxía 3 logomonos, da que tamén forman parte Colgados (2009) e Pisados (2010).

Con este XXI Álvaro Cunqueiro, ao que optaban un total de 26 orixinais, Pernas Cora incorpórase á ampla nómina de autores galegos que conseguiron este recoñecemento, dotándoo ao tempo dunha traxectoria de prestixio: Marcos Abalde (2011), Manuel Lourenzo (2009), Teresa González Costa (2008), Roberto Salgueiro (2007, 2002, 2000 e 1998), Manuel Guede (2006), Rubén Ruibal (2005), Antón Lopo (2004), Siro López (2003), Afonso Becerra de Becerreá (2001), Manoel Riveiro (1993), Andrés A. Vila e Xosé Cid Cabido (1992), Roberto Vidal Bolaño (1991), Agustín Magán (1990), Euloxio R. Ruibal (1989) e o propio Raúl Dans (2010 e 1994).

Historia de superación e aprendizaxe
Nesta ocasión Raúl Dans alzouse co Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, na categoría dirixida ao público infantil, con Un mosquito de nome Henri, unha historia de superación e de aprendizaxe protagonizada por un personaxe visionario e inconformista que soña con ser aviador pese ás dificultades coas que se topa.

Dela valora o xurado o seu ritmo áxil e a claridade da estrutura, así como a abundante comicidade nos textos e súa profundidade conceptual. O ditame refírese tamén aos numerosos e variados personaxes, coas súas singulares características, que conforman “un conxunto harmónico no cal se adoptan comportamentos e emocións propias dos seres humanos, de xeito que mosquitos, avespas, formigas e outros insectos se teñen que enfrontar a alegrías, frustracións, medos, ilusións e desenganos”.

No texto, que supón a primeira incursión de Dans na literatura dramática infantil, pódese entrever tamén unha crítica á sociedade de hoxe en día, ao tempo que se aprecia unha valoración positiva da vontade, a perseveranza e a realización persoal como obxectivo principal.

Teatro, dobraxe e audiovisual
Dramaturgo, guionista audiovisual e actor de dobraxe, Raúl Dans (A Coruña, 1964) comezou a súa traxectoria teatral como actor na histórica Compañía Luís Seoane. É tamén un dos integrantes do colectivo de intérpretes que iniciou a dobraxe en galego, oficio ao que se dedica sen interrupción desde 1985. Paralelamente, desenvolve unha sólida traxectoria como dialoguista, argumentista e creador de series de ficción para a televisión, así como guionista de cinema.

Este ano recibiu o premio da Asociación de Escritores de Lingua Galega ao mellor texto teatral editado en 2011 por Chegamos despois a unha terra gris, obra pola que en 2010 foi recoñecido por segunda vez co Álvaro Cunqueiro. A primeira fora en 1994 con Lugar, que o CDG levou a escena en 1999. Tamén obtivo o Rafael Dieste para Textos Teatrais por Matalobos (1993) e en 1997 gañou o prestixioso Premi Born con Derrota.

En 2008, Espiral Maior editou todo o teatro breve do autor nun volume titulado Nun mundo hostil, coincidindo coa publicación de Nachtmahr dentro da colección Biblioteca Dramática Galega, que coeditan a Agadic e Edicións Xerais e na que figuran, así mesmo, Derrota e Chegamos despois a unha terra gris.

 

Imaxes relacionadas