Xunta de Galicia

O edificio Cambón foi restaurado polo Ministerio de Agricultura cun investimento de máis de 4 millóns de euros

A Xunta xestiona dende hoxe o museo das Illas Atlánticas que abrirá seis días á semana para recibir 150.000 visitas ao ano

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas participou esta tarde na inauguración do Edificio Cambón, rehabilitado no Casco Histórico de Vigo, que acollerá as oficinas e o centro de visitantes do parque nacional

Sinala que coa apertura desta sede-museo avánzase un paso máis cara a conservación e protección deste enclave natural único en Galicia

Avanza que no vindeiro ano se traballarán en 30 liñas de actuación que irán en camiñadas a mellorar a xestión, o seguimento xeral da flora e da fauna, e a investigación e divulgación

Entre esas medidas destaca a elaboración da estratexia paisaxística da Illa de Ons e a incorporación do parque á Carta Europea de Turismo sostible

Declaracións do conselleiro Agustín Hernández
  • O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, durante a súa visita a Vigo
  • O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, durante a súa visita a Vigo
  • O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, durante a súa visita a Vigo

Santiago, 26 de decembro de 2012.- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, destacou esta tarde en Vigo que os galegos poderán achegarse a coñecer e profundizar do patrimonio natural das illas que conformar o Parque Natural das Illas Atlánticas grazas ao novo museo do Parque e Centro de Interpretación que hoxe foi inaugurado no Edificio Cambón, en Vigo.

O conselleiro Hernández, xunto con a directora xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do Ministerio Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Guillermina Yanguas; e os delegados territoriais da Xunta en Vigo, María José Bravo, e en Pontevedra, Xosé Manuel Cores Tourís, participou na inauguración deste novo museo da cidade, que acolle as oficinas e o centro de visitante do parque nacional. O conselleiro sinalou que a apertura deste edificio aos cidadáns é o “broche de ouro” para conmemorar o décimo aniversario da declaración deste enclave único en Galicia, que recibiu preto de tres millóns de visitantes dende o ano 2002.

As obras de rehabilitación do Edificio Cambón implicaron un investimento de máis de 4 millóns de euros, aportados polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente. Dende hoxe a Xunta de Galicia xestionará este edificio que conta cunha superficie de 1.500 m2 para área expositiva, auditorio, aulas, e zonas de oficinas. Unha única sede que permitirá mellorar a xestión ao concentrar tanto o museo coa as oficinas nun mesmo espazo.

As previsión da Xunta é que accedan a este edificio uns 150.000 visitantes ano ano. O acceso ao inmoble, e aos seus contidos, será gratuíto para os cidadáns e abrirá as portas seis horas ao día durante seis xornadas da semana en horario de 11:00-14:00 horas e de 16:30 a 19:30 horas.

Entre o equipamento desta nova sede do Parque de Illas Atlánticas destaca a instalación de catro teletransportadores, un por arquipélago, que son cabinas nas que sobe o usuario e experimenta efectos visuais e interactivos.

O conselleiro de Medio Ambiente sinalou que ao facilitar o acceso favorécese o coñecemento das áreas protexidas, polo que este acceso é unha ferramenta para a sensibilización no respecto ambiental, ao tempo que se fai compatible o uso turístico coa preservación ambiental. Reiterou que é deber dun goberno responsable compatiblizar que preto de tres millóns de visitantes gocen deste paraíso natural, que ofrece preto de 50 quilómetros de rutas sinalizadas, coa súa conservación.

Melloras en 2013
Agustín Hernández destacou que no vindeiro ano a Xunta manterá esta liña de traballo, a través de 30 actuacións a iniciar en 2013. Estas accións irán encamiñadas á xestión: onde destaca a elaboración da estratexia paisaxística da Illa de Ons e a incorporación do parque á Carta Europea de Turismo sostible. Outra guía de accións será a do seguimento xeral, da flora e da fauna: destacando o control sobre a fauna ameazada e sobre as especies invasoras, así como o convenio de mellora da eficiencia enerxética no parque.

Tamén se abrirán liñas de actuacións e medidas no campo da investigación, a divulgación e uso público e o desenvolvemento de obras e proxectos a realizar, como os depósitos de auga de abastecemento ou a celebración dun campo de traballo nas Illas Cíes.
 

  • whatsapp