Medio Ambiente celebra o Día Mundial dos Humedais na provincia de Pontevedra con actividades de observación no espazo intermareal do Grove

Desenvolveuse unha xornada de portas abertas no centro de interpretación e de observación de aves en colaboración co Colectivo Ecoloxista de O Salnés

Pontevedra, 02 de febreiro de 2013.- O director xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García-Borregón e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, asistiron a xornada de portas abertas e observación de aves nas brañas do Grove organizada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para celebrar o Día Mundial dos Humidais.

Cos actividades programadas búscase fomentar a sensibilización das persoas acerca da interdependencia da auga e os humidais, indicar medios adecuados para que os diferentes grupos de interesados compartan a auga dunha maneira equitativa e lograr que se comprenda que sen brañas non habería auga. Este son os obxectivos fundamentais do Día Mundial dos Humidais 2013.

Así, o Centro de Interpretación da Siradella e de O Bao, no Concello de O Grove, permaneceu aberto dende ás 09,00 horas para que todas as persoas que o desexen puidesen visitalo. Durante esta xornada tamén levouse a cabo unha actividade de observación de aves no aparcamento da praia da Lanzada e tamén na enseada do Bao.

Deste xeito, tanto o delegado territorial coma o director xeral de Conservación da Natureza puideron participar nun observatorio ornitolóxico na enseada de O Bao, impartido polos técnicos do Servizo Provincial da Dirección Xeral de Conservación en Pontevedra e o Colectivo Ecoloxista de O Salnés.

Os humidais en Galicia
A nivel provincial, Pontevedra alberga un total de 236 humidais (8.088,7 ha.).

Ricardo García- Borregón eJosé Manuel Cores Tourís destacaron a gran riqueza pesqueira e marisqueira desta zona que conta, ademais, con gran afluencia turística. “A maiores, non podemos esquecer que o complexo intermareal Umia-O Grove-A Lanzada-Lagoa-Bodeira-Punta Carreirón conta cun especial microclima que fai posible a presenza dunha gran diversidade de vida. É unha importante zona de desove de peixes, crustáceos e moluscos”, aseguraron.

Pola súa importancia ecolóxica, esta braña, cunha extensión de 2.600 hectáreas, foi declarada Zuna Húmida de Importancia Internacional; Humidal protexido, Zona de Especial Protección para as Aves e Lugar de Interese Comunitario da Rede Natura 2000, formando parte do LIC Complexo Ons-O Grove.

Neste espazo, sometido á influencia das mareas, existen bancos naturais de moluscos como ameixa e berberecho. A abundancia de alimento dos fondos limosos e a tranquilidade e pouca profundidade das súas augas fan que esta zona sexa a máis importante de Galicia de acollida de aves migratorias acuáticas, “de tal xeito que se converteu no mellor lugar para a observación deste tipo de aves de toda a nosa comunidade autónoma”, engadiu Ricardo García-Borregón.

Entre as aves, máis de 200 catalogadas neste espazo, destacan as limícolas como o ostreiro, a píldora, o bilurico, o alavanco, o pato, a garza ou o cullereiro. Ademais, tamén destacan as plantas que se adaptan al medio salino e que cumpren unha función de refuxio para gran cantidade de invertebrados, facendo ademais de elementos naturais que minoran a forza das correntes. Entre estas plantas atópase a seba.

No espazo intermareal de O Grove atopamos varios tipos de ecosistemas cunha fauna e vexetación de enorme importancia, como a Enseada, a lagoa Bodeira, a Lanzada ou Punta Carreirón.

Día Mundial dos Humedais
A Xunta de Galicia dispón dun inventario dos humidais de Galicia no que se constata a existencia de máis de 1.100 humidais, é dicir, máis de 70.000 hectáreas, repartidas de forma maioritaria entre os sectores litorais e as áreas de montaña sublitorais e centrais.

Os humedais inventariados pódense agrupar en catro grandes tipos de humidais:

a) humidais marinos e costeiros: 153 (20.268,2 ha.)
b) humidais continentais: 659 (34.441,4 ha.)
c) humidais subterráneos: 7 (0,6 ha.)
d) humidais artificiais: 312 (15.965,8 ha.)

O 2 de febreiro de cada ano celébrase o Día Mundial dos Humidais para conmemorar a data na que se adoptou a Convención sobre os Humidais, o 2 de febreiro de 1971. Desde 1997, veñen celebrándose actos e actividades encamiñados a aumentar a sensibilización do público en xeral acerca dos valores dos humidais e os beneficios que reportan en xeral e a Convención de Ramsar en concreto.

Galicia conta con cinco humidais declarados como Sitio Ramsar que suman un total de 7.698 ha.: Ría de Ribadeo, Ría de Ortigueira e Ladrido, Lagoa e areal de Valdoviño, Complexo das praias, lagoa e duna de Corrubedo e Complexo intermareal Umia - O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira.

Os cinco Sitios Ramsar presentes en Galicia declaráronse baixo a categoría de Humidal protexido en maio de 2004 e coa publicación do Decreto 127/2008, do 5 de xuño, polo que se desenvolve o réxime xurídico das brañas protexidas e se crea o Inventario de Humidais de Galicia, creouse o Inventario de Humidais de Galicia de natureza administrativa.

O 2013 é o ano Internacional da Cooperación na Esfera da auga, conforme proclamaron as Nacións Unidas, o que constitúe unha ocasión ideal para que Ramsar analice a conexión entre a auga e os humidais.

 

Imaxes relacionadas