Medio Ambiente publica unha guía para optimizar a xestión dos puntos limpos de Galicia

Neste manual inclúese información de utilidade para os operarios, para maximizar as posibilidades de recuperación, reciclaxe e valorización posterior dos diferentes materiais achegados

A Comunidade galega conta na actualidade cun total de 130 instalacións fixas preparadas xa para prestar este servizo á poboación, polo que un 73% da poboación galga xa ten acceso a estes servizos

Ao longo de 2013 poñeranse en marcha 9 puntos limpos máis, contando así a comunidade galega con 139 instalacións deste tipo

O Goberno galego ten 21 millóns de euros mobilizados para a creación e xestión de novos puntos limpos en Galicia

Santiago, 28 de marzo de 2013
Compartir
  • whatsapp

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de publicar na súa páxina web unha Guía de clasificación de residuos en puntos limpos que ten por obxectivo contribuír a que os concellos galego, que contan con este tipo de instalacións, melloren o rendemento dos mesmos, tanto desde o punto de vista ambiental coma económico.

Esta iniciativa enmárcase dentro do Programa de Vixilancia e Control dos Puntos Limpos que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas desenvolve co fin de prestar asesoramento e avaliar a xestión que se fai dos residuos depositados nestas instalacións e o estado no que se atopan as mesmas. A Guía de Clasificación de Residuos en Puntos Limpos está dispoñible no seguinte enlace: http://sirga.cmati.xunta.es/guia-de-clasificacion-de-residuos

Neste manual inclúese información de utilidade para os operarios sobre a xestión dos distintos tipos de residuos. Preténdese que a través dunha mellor formación dos traballadores, se poidan maximizar as posibilidades de recuperación, reciclaxe e valorización posterior dos diferentes materiais achegados.

Entre os contidos que ofrece esta guía, inclúese a descrición xeral dun punto limpo, explicando as partes da instalación e identificando as diferentes fraccións que os usuarios poden depositar. Así mesmo, establécense indicacións para o correcto etiquetado de cada un dos colectores, a metodoloxía e tempo permitido de almacenaxe e o sistema de rexistro de entradas e saídas.

Ademais das consideracións xerais, cada tipoloxía de residuos preséntase mediante unha ficha na que, dun modo visual e sinxelo, se determina en que colector se deposita cada tipo de material, incidindo especialmente en clarificar o sistema de xestión correcto para aqueles casos que con maior frecuencia dan lugar a confusión.

As fraccións de residuos que se describen no manual son os seguintes: voluminosos, plásticos, envases lixeiros, envases de vidro, plásticos agrícolas, papel-cartón, porexpán, vidro plano e cristal, restos metálicos do fogar, madeira, restos de poda, entullos de obras menores, residuos de aparatos eléctricos e electrónicos (RAEE), pneumáticos usados e residuos perigosos (aceites, pinturas, baterías de chumbo …).

Todos este residuos urbanos de especiais características poden ser xestionados nos puntos limpos, xa que estas instalacións contan co equipamento axeitado para a súa recepción, separación selectiva e almacenamento temporal. O seu obxectivo é poñer a disposición dos cidadáns un espazo para a achega voluntaria de residuos que non poden ser xestionados a través dos servizos convencionais da recollida de lixo polo seu tamaño (residuos voluminosos) ou a súa composición (residuos perigosos).

En cada punto limpo, o tipo de segregación pode variar en función do equipamento da instalación e das recomendacións ou medios facilitados polos xestores autorizados que se encarguen da recollida dos distintos materiais. Son os concellos os encargados de establecer o tipo de residuos aceptados en función das súas necesidades.

Rede de puntos limpos en Galicia
O Goberno galego ten 21 millóns de euros mobilizados para a creación e xestión de novos puntos limpos, así como o mantemento dos xa existentes. A Comunidade galega conta na actualidade cun total de 130 instalacións fixas preparadas xa para prestar este servizo á poboación.

Coa rede actual de puntos limpos pódese afirmar que o 73% da poboación galega xa ten acceso a este servizo. Non obstante, desde a Xunta de Galicia continúase avanzando na implantación deste servizo e estase a traballar para a posta en marcha de 9 novas instalacións máis:
• 2 na provincia da Coruña: Fene e Sada.
• 3 en Lugo: Cervo, Trabada e Guitiriz.
• 1 na provincia de Ourense: A Veiga.
• 3 na provincia de Pontevedra: Mos, Nigrán e Cuntis.

Estas instalacións irán entrando en servizo ao longo de 2013, co que o número total de puntos limpos en Galicia este ano situarase en 139. En total, o Plan de Xestión de Residuos Sólidos Urbanos prevé que o número de instalacións deste tipo se aproxime ás 300 antes de finais de 2020.