Trátase da especie de réptil máis ameazada de extinción en Galicia
O número de individuos non supera o centenar de adultos por hectárea nas catro áreas en que se pode atopar: bacías dos ríos Arnoia, Avia e Louro, Gándaras de Budiño e Charcas de Olveira, no Parque de Corrubedo
O plan establece as medidas necesarias para a conservación desa especie en estado silvestre no territorio galego, así como a dos seus hábitats, corrixindo os problemas que ameazan a dita conservación
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o decreto polo que se aproba o plan de recuperación do sapoconcho común (Emys orbicularis L.) en Galicia. Cabe sinalar que un plan de xestión dunha especie ameazada é un documento que recolle e detalla a información e as actuacións necesarias para a conservación desa especie en estado silvestre no territorio galego, así como a dos seus hábitats, canalizando os recursos dispoñibles en corrixir os problemas que ameazan a dita conservación.
O sapoconcho común (Emys orbicularis L.) é un réptil eminentemente acuático, que vive preferentemente en augas estancadas ou de leve corrente. A información máis actual da situación da especie en Galicia procede da diagnose de detalle do estado de conservación elaborada pola Universidade de Vigo.
Réptil ameazado
Este animal constitúe, sen dúbida, a especie de réptil máis ameazada de extinción en Galicia, posto que o número total de individuos estimados non supera o centenar de adultos por hectárea nas catro áreas do sur de Galicia en que se pode atopar:
• Bacía do río Arnoia (concellos de Allariz, Xunqueira de Ambía e Baños de Molgas, provincia de Ourense).
• Bacía do río Avia (concellos de Ribadavia, Beade, Leiro e Cenlle, provincia de Ourense).
• Gándaras de Budiño, na bacía do río Louro (concellos do Porriño, Tui e Salceda de Casela provincia de Pontevedra).
• Charcas de Olveira, no Parque Natural Complexo Dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán (concello de Ribeira, provincia da Coruña).
As causas da súa regresión xeneralizada son as seguintes:
• Captura para súa venda como mascota.
• Mortalidade en nasas de pesca.
• Existencia de especies exóticas invasoras (Micropterus salmoides, Procambarus clarkii, Pacifastacus leniusculus, Neovison vison) nas súas áreas de presenza.
• Fragmentación de humedais (sobre todo na poboación presente no río Louro, en concreto nas Gándaras de Budiño).
Todos estes impactos negativos, tanto sobre a especie como sobre o seu hábitat, fan necesario adoptar medidas para evitar a súa extinción en Galicia, a través dun plan de recuperación.
A Lei 9/2001 foi desenvolvida polo Decreto 88/2007, do 19 de abril, que regula o Catálogo galego de especies ameazadas, configurándoo como un rexistro público de carácter administrativo, dependente da dirección xeral competente en materia de conservación da natureza, no cal se inclúen aquelas especies, subespecies ou poboacións pertencentes á flora e fauna silvestre que, estando ameazadas, requiran medidas de protección específicas.
Prohibicións
As consecuencias da catalogación do sapoconcho común como en perigo de extinción significan a prohibición, salvo autorización expresa, de calquera actuación feita co propósito de darlle morte, capturalo, perseguilo ou molestalo intencionadamente; e tamén, se non se ten autorización expresa, da observación e filmación mediante o establecemento de postos fixos a menor distancia da que determine o plan de recuperación da especie; de posuír, transportar, vender ou expoñer para a venda, importar ou exportar exemplares silvestres, vivos ou mortos, así como os seus restos, o intercambio e a oferta de espécimes recollidos na natureza.
Así mesmo, estará prohibida a súa disecación, agás a destinada a fins científicos ou educativos que sexa autorizada expresamente; e prevese a posibilidade de restrinxir temporalmente o acceso ao tránsito de visitantes en períodos e lugares considerados críticos para a súa supervivencia. Tamén existirá a obriga da consellería de elaborar un plan de recuperación da especie (que é obxecto deste decreto).
Ata o de agora, o Goberno galego aprobou o Plan de recuperación do oso pardo. Actualmente, estase tramitando o procedemento para a súa revisión.
Ningunha das súas poboacións parece superar o centenar de individuos adultos. As da provincia de Ourense son as que presentan un mellor estado de conservación.
Por causa deste baixo número de exemplares existentes, a especie é moi sensible á mortalidade dos exemplares adultos, que se pode producir ben por acción dos depredadores (fundamentalmente especies exóticas como o visón americano ou a perca americana), por atropelos ou por captura directa de exemplares, co obxecto de empregalos como mascota.