Xunta de Galicia

A Xunta destaca a traxectoria da paquetería boirense 'Josefina' dentro da campaña “A semana do teu comercio”

O establecemento, con máis de 50 anos de historia, recibiu un diploma en recoñecemento ao traballo desempeñado

A campaña de Economía e Industria, que destaca o papel dos centros comerciais abertos na dinamización do comercio de proximidade, céntrase esta semana no Centro Comercial Aberto de Boiro
 

  • Sol Vázquez Abeal, recoñeceu hoxe a traxectoria da 'Paquetería Josefina', un negocio con máis de medio século de traballo en Boiro, no marco da campaña “A semana do teu comercio"
  • Sol Vázquez Abeal, recoñeceu hoxe a traxectoria da 'Paquetería Josefina', un negocio con máis de medio século de traballo en Boiro, no marco da campaña “A semana do teu comercio"

Boiro, 27 de xuño de 2013.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, recoñeceu hoxe a traxectoria da 'Paquetería Josefina', un negocio con máis de medio século de traballo en Boiro, no marco da campaña “A semana do teu comercio: unha semana, un comercio, unha historia”, que estes días está dedicada ao centro comercial aberto de Boiro, Boiro Aberto.


A iniciativa, que a Xunta achega aos cidadáns a través do web portaldocomerciante.blogspot.com.es, ten o obxectivo de realzar o comercio de proximidade como eixo estratéxico da economía galega, e o papel clave que desempeñan os Centros Comerciais Abertos. A campaña premia ao negocio máis lonxevo de cada CCA, e nese senso Vázquez Abeal subliñou a labor dos comercios locais que souberon adaptarse aos tempos, acadando a súa pervivencia a través da calidade e proximidade ao cliente.
Abeal entregou hoxe un diploma a 'Paquetería Josefina' en recoñecemento a esa labor, e subliñou o compromiso e o sacrificio das dúas xeracións que estiveron ao fronte do negocio desde a súa fundación, en 1956. Hoxe, máis de medio século despois, este comercio segue a ofrecer prendas de máxima calidade.

Coa campaña “A semana do teu comercio”, a Consellería de Economía e Industria reitera o seu compromiso co comercio galego como sector clave para a reactivación económica. Ese compromiso tradúcese ademais en apoios económicos: o Goberno galego suma no que vai de ano máis de 8 millóns de euros en programas de apoio para impulsar o comercio de proximidade e a incentivación de vendas.

Precisamente, o Goberno galego vén de aprobar a convocatoria dun conxunto de axudas para a incorporación das tecnoloxías da información e a comunicación nos comercios galegos. O obxectivo principal desta iniciativa, que aspira a beneficiar a máis de 300 pequenos negocios, céntrase no fomento do uso de Internet e a venda on line.

Ademais, nos últimos meses publicáronse diferentes iniciativas de respaldo ao sector atendendo aos distintos axentes implicados no seu desenvolvemento: concellos, asociacións e os propios comerciantes.

Así, púxose en marcha o programa de apoio aos concellos galegos para a revitalización do comercio de proximidade, en fase de resolución, que con 4,5 millóns de euros aspira a desenvolver actuacións que incrementen a competitividade do sector a través da adecuación e modernización das rúas e zonas comerciais ou a potenciación das prazas de abastos.

Esta liña complementa á destinada ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e as prazas de abastos, dotada con 2,2 millóns de euros, e a un terceiro programa, que suma máis de 1,2 millóns de euros, que permitirá colaborar coas federacións de comerciantes e asociacións de ámbito superior ao municipal na dinamización da demanda comercial e a posta en marcha de actuacións encamiñadas á promoción das vendas.
 

  • whatsapp