Adxudicado o Plan Estratéxico do Sistema Aeroportuario de Galicia

A Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia e da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de adxudicar a elaboración deste documento que ten por obxectivo definir as accións enfocadas á consecución dun sistema aeroportuario en Galicia eficiente e competitivo

AIRIA Ingeniería y Servicios S.A. presentará este plan nun prazo máximo de dous meses e medio
 

Santiago, 3 de xullo de 2013
Compartir
  • whatsapp

Tras a análise da situación do transporte aéreo en Galicia, a Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia e da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ven de adxudicar á empresa AIRIA Ingeniería y Servicios S.A. a redacción do Plan Estratéxico do Sistema Aeroportuario de Galicia. O plan ten por obxecto definir as accións concretas que conduzan á consecución dun sistema aeroportuario galego eficiente e competitivo. O prazo máximo para a redacción do devandito documento é de dous meses e medio.

O documento ten por finalidade garantir a viabilidade do sistema aeroportuario de Galicia a base dunha operación coordinada dos aeroportos de Lavacolla, Alvedro e Peinador. O traballo terá un enfoque global e considerará todos os aeroportos que utilizan os cidadáns e as empresas de Galicia. Do mesmo xeito, terá un enfoque práctico para determinar a situación actual dos aeroportos galegos, o seu potencial en función das demandas de mobilidade de Galicia, así como as estratexias que se deben adoptar para maximizar o servizo que poden prestar á sociedade e á economía de Galicia.

O Plan Estratéxico do Sistema Aeroportuario de Galicia definirá as liñas da xestión aeroportuaria a curto e medio prazo e detallará novas rutas, xestión das mesmas, os aeroportos dende os que debe operar cada ruta e estratexias promocionais que busquen a eficiencia, así como a conectividade actual dos tres aeroportos galegos, no tocante ás infraestruturas e aos servizos de transporte público e valorando o custe dos mesmos.

Do mesmo xeito, o plan describirá o marco normativo e a súa previsible evolución, así como as fórmulas de colaboración coas compañías de baixo custe. Incluirá experiencias internacionais describindo exemplos de boas prácticas noutros países, incidindo nos casos de éxito, na promoción para a implantación de novas rutas aéreas e o establecemento de servizo de baixo custo.

No apartado internacional estudarase tamén a demanda potencial da conectividade aérea que se constata en cada un dos aeroportos de Galicia, realizando análises de datos demográficos así como da actividade comercial, industrial e turística.