O titular da Xunta presidiu esta mañá a posta en servizo dos máis de seis quilómetros do treito I da vía de alta capacidade, que unen a parroquia sadense de Meirás coa NVI e inclúen a Variante de Oleiros

Feijóo subliña que a vía Ártabra libera desde hoxe o centro de Oleiros dun tráfico de 6.500 vehículos ao día e compromete a licitación do proxecto construtivo para unir esta vía coa AP-9

“Estamos ante una vía clave desde o punto de vista económico, social, da seguridade viaria e de aforro en tempos de conexións”, asegura

Defende o atinado investimento dos 71 millóns destinados á Vía Ártabra, pola que circularán 15.000 vehículos ao día e que permitirá “a liberación das zonas urbanas dunha intensa densidade de tráfico”, xa que ofrece unha mellor alternativa de circulación fronte a 12 quilómetros de travesías

Subliña que, a pesar da crise, Galicia é capaz de incrementar as infraestruturas sanitarias, multiplicando por catro a área de urxencias e por dous o bloque cirúrxico do Hospital Universitario da Coruña; “somos capaces de incrementar os servizos sociais e, tan só, no que a escolas infantís se refire incrementamos un 57% as prazas sobre o ano 2009; e, tamén, avanzamos no eido educativo”

Resalta a importancia de infraestruturas como a Terceira Rolda, a rotonda de Sabón, o túnel do Parrote e da Vía Ártabra para facer efectiva a vertebración da Coruña e da súa comarca

Sada (A Coruña), 06 de setembro de 2013.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou esta mañá que a posta en servizo da Vía Ártabra supón liberar o centro urbano de Oleiros dun tráfico de 6.500 vehículos ao día, “nada menos que 2,37 millóns de vehículos ao ano”. Durante o acto de inauguración do treito I da infraestrutura, composto por seis quilómetros que enlazan a parroquia sadense de Meirás coa N-VI e inclúen a Variante de Oleiros, Feijóo comprometeu, ademais, a licitación do proxecto construtivo para unir esta vía coa AP-9; “entre todos buscaremos o percorrido correcto para proseguir con este compromiso”, aseverou, ao que engadiu tamén o compromiso de finalizar a conexión da Vía Ártabra co porto de Lorbe.

Na súa intervención, o titular da Xunta resaltou o feito de que o tronco principal da Vía Ártabra sexa unha realidade, “nove anos despois” do seu planeamento, nun momento de especiais dificultades económicas. “O núcleo fundamental da Vía Ártabra é hoxe unha realidade e, a pesar da crise, Galicia sigue abrindo infraestruturas viarias, investindo en infraestruturas sociais e executando proxectos estratéxicos. Estamos ante unha vía clave desde o punto de vista económico, social, da seguridade viaria e de aforro en tempos de conexións. Todos os informes avalaban o seu carácter imprescindible así como os beneficios concretos de executar este investimento”, explicou.

“Os datos mostran que os 71 millóns de euros destinados a esta vía son un investimento acertado”, reiterou o presidente galego, en referencia, por exemplo, a que por esta nova vía circularán 15.000 vehículos cada día; supón mellorar as condicións de seguridade; uns importantísimos aforros de tempos de conexión e permite “a liberación das zonas urbanas dunha intensa densidade de tráfico”, xa que ofrece unha mellor alternativa de circulación fronte a 12 quilómetros de travesías. “Significa, en definitiva, devolver os núcleos dos concellos, para o seu pleno uso e disfrute, aos seus auténticos propietarios: os veciños e as veciñas que as habitan”, aseverou.

Procura de maiores niveis de benestar
No seu discurso, o titular da Xunta subliñou o compromiso do Goberno galego coa procura de maiores niveis de benestar, a través de máis e mellores servizos públicos e de progreso económico.

Feijóo mostrouse convencido de que “ese esforzo pagou a pena” porque: “Somos capaces de incrementar as infraestruturas sanitarias, incrementando, por exemplo, a superficie hospitalaria do Hospital Universitario da Coruña, multiplicando por catro a área de urxencias e por dous o bloque cirúrxico. Somos capaces de incrementar os servizos sociais e, tan só, no que a escolas infantís se refire incrementamos un 57% as prazas sobre o ano 2009; e, tamén, avanzamos no eido educativo, atendendo necesidades como as do concello de Oleiros, que contará cun centro de educación infantil e primaria na parroquia de Nós, logo de que o Consello da Xunta desbloquease onte un investimento superior ao 5 millóns de euros”.

Así mesmo, considerou que o esforzo pagou a pena porque fixo posible continuar a investir no desenvolvemento da Comunidade, mediante políticas orientadas ao impulso económico e a execución de novas infraestruturas. Así destacou que na pasada lexislatura se puxeron en servizo 120 quilómetros en vías de alta capacidade e que só neste ano entrará en funcionamento un total de 50 novos quilómetros.

O presidente do Goberno galego concluíu referíndose á importancia para a área coruñesa de comunicacións como a Terceira Rolda e de obras como a Rotonda de Sabón e do túnel do Parrote, que teñen como fin, xunto coa Vía Ártabra, facer realmente efectiva a vertebración da Coruña e da súa comarca. “Finalizaremos a Terceira Rolda; ampliaremos e concluiremos as obras do Hospital Universitario da Coruña; executaremos a Rotonda de Sabón e, na próxima semana, espero asinar co concello da Coruña o soterramento do Parrote”, incidiu.

Imaxes relacionadas