Empreganav promoverá que participantes no proxecto tomen o relevo de emprendedores que non poden continuar co seu negocio

O programa de reinserción laboral de desempregados do sector do metal e auxiliar do naval está a centrarse actualmente na fase de autoemprego e busca de oportunidades de negocio

Para facilitar o emprendemento dos participantes, búscase canalizar oportunidades de empresarios que por diversos motivos, como a xubilación, non poden continuar coa súa actividade

Deste xeito, os desempregados poden tomar o relevo nunha empresa xa existente, sen ter que pasar pola fase de creación
 

Santiago, 8 de outubro de 2013.- O proxecto Empreganav de reinserción laboral de desempregados do sector do metal e auxiliar do naval, liderado pola Consellería de Traballo e Benestar, está a promover que os participantes que estean interesados no autoemprego poidan tomar o relevo de emprendedores que, por diversos motivos como a xubilación, non poden continuar co seu negocio.

Actualmente, e logo de máis dun ano de andadura, as actividades desta iniciativa estanse a centrar actualmente na fase de orientación laboral para ao autoemprego, na que os participantes que presentan a súa idea reciben axuda para a realización do business plan ou calquera outra asistencia necesaria relacionada co proxecto empresarial.

Como complemento a esta actividade, e co fin de axudar a aqueles que non teñen unha idea clara de negocio, púxose en marcha a acción “Busca de oportunidades de negocio”. Consiste na elaboración de guías de posibles temáticas empresariais ligadas aos territorios dos participantes, determinando, segundo distintos factores, que alternativas presentan unha maior viabilidade en torno a dous factores: as competencias das persoas deste colectivo; e as características dos distintos territorios nos que residen.

O obxectivo é emprender a través dunha empresa xa consolidada. Para conseguilo, FORMEGA e ASIME –que son as entidades que están a desenvolver esta actividade- van canalizar oportunidades de negocio de empresarios que, por motivos como a xubilación, non van a seguir co seu proxecto. Deste xeito, as persoas interesadas poderían retomalo sen pasar pola fase de creación.

Ademais, aqueles emprendedores que se vexan actualmente nesta situación e queiran participar no proxecto poden poñerse en contacto coas entidades organizadoras para facerlles chegar as características do seu negocio e o motivo do cesamento da actividade empresarial.

Empreganav
O proxecto Empreganav está promovido pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo e Benestar e de Economía e Industria, e conta co cofinanciamento da Comisión Europea a través do Fondo europeo de adaptación á globalización (FEAG). No programa participan activamente as organizacións empresariais e sindicais sectoriais do metal: a Asociación de industriais metalúrxicos de Galicia (ASIME); a Federación do metal, construción e afíns de UGT de Galicia (MCA-UGT); e a Federación de industria de CCOO de Galicia, contando tamén coa Fundación galega do metal para a formación, cualificación e emprego (FORMEGA).